Mércores, 11 Decembro de 2024

‘Mareas de coñecemento e experiencia”

A finais da semana pasada remataron os seminarios do curso “Mareas de coñecemento e experiencia” organizados pola Concellería de Servizos Sociais das Neves, e incluídos dentro do programa de democratización do coñecemento, da Universidade de Vigo.

Con 15 horas de duración, o curso constou de seis seminarios: tres sesións divulgativas de tipo teórico realizadas na Biblioteca Municipal, e tres prácticas con saídas a Taboexa e San Nomedio, e unha andaina polo Camiño dos Pescadores. Ademais de visualizar os aspectos teóricos do patrimonio das Neves, o alumnado puido comprobar os efectos dos incendios no medio rural ou practicar os efectos saudables da actividade física.

Aos seminarios asistiron seis persoas que obtiveron o correspondente diploma. Todas as actividades resultaron de grande interese para as e os participantes, que valoraron moi positivamente tanto a organización como o nivel do profesorado que impartiu as clases deste programa formativo, financiado pola Consellería de Política Social e a Deputación de Pontevedra.