Domingo, 4 Maio de 2025

Luisa Piñeiro clausurou o obradoiro de panadaría e bolería da Asociación A Cancela das Neves

Este obradoiro formou a 13 persoas desempregadas durante un ano, cun total de 550 horas lectivas, os participantes aproveitaron a experiencia para adentrarse no mercado laboral

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, asistiu esta tarde ao acto de clausura do obradoiro de panadería e bolería da Asociación EFA A Cancela, que formou a 13 persoas desempregadas durante o último ano e que obtiveron o correspondente certificado de profesionalidade para favorecer a súa posterior inserción laboral.

A representante autonómica, que estivo acompañada da presidenta desta asociación das Neves, María del Carmen Gil, e doutros representantes, agradeceu o esforzo do colectivo para apostar “pola formación e a mellora das condicións de empregabilidade das persoas desocupadas da bisbarra do Condado” e tamén animou aos participantes a aproveitar este ano de experiencia e o coñecemento destes oficios para adentrarse no mercado de traballo.

“Trátase dun curso moi importante pola súa elevada carga lectiva, posto que as 550 horas formativas servíronvos para coñecer como facer este traballo, e ademais davos dereitos a un certificado de profesionalidade, que é fundamental para ter máis oportunidades de atopar un emprego, unha cuestión fundamental para a Xunta de Galicia, xa que estamos a apostar pola reactivación económica no marco desta crise sanitaria”, sinalou Luisa Piñeiro.

Este obradoiro contou cunha subvención de 46.211€ ao abeiro do procedemento de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas e ademais desenvólvese nun moderno obrador de panadería da Asociación EFA A Cancela que está concertado coa Consellería de Educación para a impartición de ciclos de panadería.

O curso, que comezou o pasado mes de decembro, prolongouse finalmente durante un ano, xa que estivo paralizado durante tres meses e medio polo estado de alarma a causa da covid-19, pero finalmente decidiuse rematalo coa aplicación de protocolos sanitarios para impartir os módulos de elaboracións básicas de panadería e bolería, decoración e envasado, seguridade e hixiene e unha formación complementaria de inserción, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero.