Sábado, 3 Maio de 2025

En funcionamento a oficina para atender aos propietarios dos terreos da nova aldea modelo das Neves

Dende hai unha semana está aberta unha oficina para solucionar dúbidas e facilitar os trámites aos donos de terras na zona que ocupará a aldea modelo

Tal e como comunicaron o Goberno local das Neves e a Xunta de Galicia aos propietarios das terras das parroquias de Tortoreos e Rubiós, na última reunión para avanzar na posta en marcha da nova aldea modelo das Neves, dende a semana pasada está aberta unha oficina na que persoal de Expoaga atende aos propietarios, para a recollida dos seus precompromisos, a soluciona das súas dúbidas ou facilitarlles información ou explicacións sobre os trámites a seguir.

A oficina, situada na Casa da Música e Centro Cultural de Rubiós ten un horario,de luns luns a xoves, de 09:30 h a14:00 h e de 15:00 h a 18:00 h. As persoas que non poidan acudir nestas datas e queiran ser atendidas outro días, teñen que solicitar cita  previa chamando ao teléfono 988 372 708. Ademáis os planos están accesibles en Internet, entrando en www.espoagro.com/planos-portelinha-g.html.

Como lembra o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, este proxecto ten como obxectivo recuperar, para o seu desenvolvemento económico e ambiental, 40 hectáreas de monte entre estas dúas parroquias e impulsar definitivamente nun proxecto no que traballan o Concello das Neves e Consellería de Medio Rural dende hai máis dun ano.

Hai uns meses dábase un paso moi importante no proceso de creación desta nova ‘aldea’ cnunha xuntanza entre o alcalde, o concelleiro de Medio Ambiente e segundo tenente de alcalde, Óscar González, o subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGDER), Alejandro Sánchez de Dios, e parte dos veciños propietarios dos terreos nos que se proxecta implantar esta aldea modelo.

“Boa acollida”

Aquela reunión foi “moi produtiva e a proposta tivo moi boa acollida entre os propietarios presentes”, que representaban o 36% de toda a superficie que ocuparía a nova aldea. De seguido a Xunta e Expoaga contactaron cos donos de boa parte terreos para coñecer cantos deles estarían dispostos a alugar as súas terras para poñer en marcha esta iniciativa.

Creación de emprego

O obxectivo final desta iniciativa, lembra o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, é “pasar do abandono á utilidade”, recuperando un espazo desatendido para obter produtos con selo ecolóxico, “facilitando a creación de emprego e de riqueza e, ao tempo, comprometerse coa recuperación ambiental”.

Nesta superficie, que seguirá sendo dos seus propietarios que recibirán un alugueiro, está previsto o establecemento de diferentes actividades de explotación que manterán o respecto polo medio ambiente, permitirán o uso da terra e xerarán bens de consumo. Entre aquelas ideas que opten facerse realidade na aldea modelo, teranse en conta aqueles requisitos e outros coma o de cercanía, primando os impulsados por veciñas e veciños das Neves, e viabilidade.

Recuperación de terras abandonadas, prevención de lumes, rehabilitación de vivendas

Este proxecto engarza coa recuperación de terras agrarias abandonadas que está a impulsar a Xunta por medio das ‘Aldeas Modelo’ que, coma no caso desta demarcación entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós, pretende mobilizar a terra para a recuperación produtiva en zonas abandonadas preto de núcleos de poboación, contribuíndo, ademais á recuperación e rehabilitación de vivendas abandonadas e a prevención de incendios.