As Neves vén de recibir do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a concesión de subvencións, con cargo ao Plan Rehavita, para axudar á reparación de catro vivendas rabicadas nas distintas parroquias do concello.
As vivendas solicitadas, previa valoración do persoal técnico municipal, reuniron a cualificación de ‘infravivenda’ por non cumprir as mínimas condicións de habitabilidade, figurando como actuacións subvencionabeis a afectación dos elementos exteriores, estrutura e de seguridade, habitabilidade e accesibilidade.
Ao abeiro das bases do Programa de Infravivenda, as subvencións concedidas cobren o 95 % do orzamento protexido das obras solicitadas, cun máximo de 15.000 € por vivenda. O Concello das Neves colabora aportando o 5 % do orzamento restante, para axudar a que familias con escasos recursos económicos, poidan acometer a totalidade das obras.
Deste xeito, o importe da subvención é de 28.578,77 € e o Concello asume 2.666,77 € –o 5% restante–, de xeito que o custe total das obras será 31.245,54 €. O prazo de finalización das obras será o 30 de novembro 2019.
A convocatoria 2019 de Subvencións do Programa de Infravivenda do Plan Rehavita, está dirixida aos Concellos de menos de 10.000 habitantes para axudar, con carácter urxente, a aquelas unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha vivenda que se atope en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos económicos para acometer as obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.