O Goberno local de As Neves vén de aprobar que se destine o remanente do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra á realización de dous proxectos de importancia para o Concello: dunha banda o remate das obras do Campo Municipal de Fútbol, ás que se destinarán 47.000 €, e doutra á mellora da área de lecer de San Cibrán de Ribarteme, por un total de 26.760,54 €.
Creación dunha zona de xogos na antiga Escola de Ribarteme
Esta área está situada na parte posterior da antiga escola da escola da parroquia e, como demandaron reiteradamente as veciñas e veciños, precisa dunha actuación que permita a súa recuperación.
Tendo en conta iso, segundo a memoria do proxecto, vaise crear neste lugar un espazo de xogos acondicionado á orografía actual do terreo e mantendo a actual cuberta vexetal.
Como xa se fixera na Escola Infantil de Rubiós, haberá xogos de madeira, unha pequena casa, un circuito para cativos de entre 5 e 14 anos, e dúas novas porterías na parte do campo que se emprega na actualidade para xogar á pelota.