Sábado, 3 Maio de 2025

A familia do veciño das Neves que falecera nun incendio xa vive nunha nova vivenda nas Neves

Os dous rapaces reincorporáronse este mesmo martes ás clases no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé

Fátima e os seus dous fillos de 7 e 11 anos volveron ás Neves e viven xa nunha casa propiedade do Concello, grazas á concesión dun alugueiro social.

A familia recibira un durísimo golpe cando o pasado 11 de decembro un incendio que se declarara hora na súa vivenda da rúa Entrecíns causara a morte do pai, de 48 anos de idade.

O Concello amosa a súa satisfacción porque estean de novo na vila e puxo á súa disposición todo o necesario para que comecen unha nova vida, dende agora, nesta casa da parroquia da Estación. A casa, de planta baixa, está totalmente equipada, dispón de mobiliario, todo tipo de electrodomésticos e calefacción. Conta cun pequeno xardín e está a carón dun parque infantil.

A Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Pilar González Casas, facilitoulle á familia roupa de cama e equipamento e está á súa disposición para atender aquelas necesidades que puidesen ter. Así mesmo, axilizaron os trámites para que os dous menores puidesen reincorporarse aos seus cursos no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, ao que xa acudiron retomando as clases e onde atoparon todo o material escolar que precisaban.

Xosé Manuel Rodríguez, alcalde das Neves, amosa a súa “ledicia pola volta desta familia tan prezada” e reitera o seu orgullo pola “solidariedade das nosas veciñas e veciños ante unha desgraza tan terrible”.