Venres, 9 Maio de 2025

Escolares da Louriña celebran o Día Mundial da Auga

O sábado, 25 de marzo, celébranse unhas xornadas de portas abertas con visitas guiadas ás instalacións da EDAR de Guillarei, en Tui

Co obxectivo de xerar conciencia sobre a importancia de coidar os recursos da auga no planeta, un elemento vital para a vida de todas as especies da Terra, celébrase cada 22 de marzo o Día Mundial da Auga. Con tal motivo, o Consorcio de Augas do Louro organiza unha serie de actividades para a poboación dos catro concellos que integra, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui.

Pensando nos máis pequenos da casa celebráronse, esta semana, unhas xornadas de xogos lúdicos co alumnado de Educación Primaria de diversos centros escolares. O luns foi en Mos, no colexio Mestre Martínez Alonso; o martes no CEIP Altamira de Salceda de Caselas e o propio mércores 22 no pavillón municipal do Porriño. Os estudantes participaron dunha serie de actividades relacionadas co tratamento da auga, a súa potabilización e o proceso de depuración na EDAR. Souberon por que e para que é importante a auga, o compromiso que hai que ter con este recurso e fixeron a proba do cloro.

Escolares do Porriño

Acompañados da “cuadrilla sostible” e baixo lema “Unha extraordinaria viaxe para coidar da auga e do planeta”, nestes encontros aproveitouse para presentar o concurso de debuxo infantil, que este ano chega xa á súa sexta edición coa misión encomendada aos escolares de 3º e 4º de Primaria de apuntarse “á nova aquaventura de Aqual e ODS6 para coidar da auga e protexer o medio”. Precisamente, o prazo para a presentación de traballos abriuse o Día Mundial da Auga, prolongándose ata o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

Os nenos mosenses tamén participaron nos actos do Día Mundial da Auga

Por outra banda, nas instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, en Tui, celebrarase o vindeiro sábado, día 25 de marzo, unhas xornadas de portas abertas con visitas guiadas. “Esta iniciativa pretende resaltar a importancia da auga como recurso imprescindible para o benestar da sociedade mostrando os procesos de depuración e o conxunto da xestión do ciclo urbano da auga, ademais de sensibilizar sobre o problema da contaminación da auga e concienciar sobre a capacidade persoal de axudar ao medio ambiente”, explica o presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo.

Están programadas tres visitas, unha ás 10.00 e outra ás 16.00 horas ao laboratorio e proceso de depuración, para maiores de 12 anos, e outra ao mediodía para menores de 12 anos, acompañados, con visita tamén ao laboratorio e proxección dun vídeo no que se amosa o proceso de depuración. As persoas interesadas en participar poden enviar a súa solicitude indicando nome, DNI, concello de residencia, idade e hora de visita preferente ao enderezo de correo [email protected]