Sábado, 3 Maio de 2025

Unha muller resulta ferida nun accidente entre dous coches na autovía A-55 no Porriño

Unha muller resultou ferida, esta mañá, nun accidente entre dous vehículos na autovía A-55, ao seu paso polo concello pontevedrés do Porriño.

Foi un particular quen, sobre as 6:30 horas, alertou ao 112 Galicia por mor dun alcance entre dous coches nos que había unha persoa atrapada.

Inmediatamente, o CIAE 112 Galicia deu coñecemento aos Bombeiros do Porriño, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Policía Local e Protección Civil do Porriño.

Xa desde o lugar dos feitos, os bombeiros confirmaron que tiveron que abrir as dúas portas do vehículo para proceder á saída da persoa. Quen, finalmente, foi trasladada en ambulancia.

Co fin de restablecer a seguridade e normalidade da vía, desde a central do 112 Galicia, tamén se deu aviso ao persoal de mantemento de estradas e ao Centro de Xestión de Tráfico.