Cumprindo estritamente todas as medidas de hixiene e seguridade sanitarias para evitar contaxios de Covid-19, a xunta reitora da comunidade de montes de Atios convoca aos comuneiros á asemblea xeral ordinaria para este sábado 17 de outubro.
Feita a consulta cos asesores xurídicos, se entende que a orde do pasado 14 de outubro, pola que se prohíben as reunións sociais e familiares de máis de dez persoas -xa que neses ámbitos é máis probable a relaxación na toma de medidas de prevención-, non afectaría á celebración dunha reunión de carácter administrativo, profesional ou empresarial, como sería o caso dunha asemblea de comuneiros. Se garnate iso sí, o total cumprimento das normas de seguridade contempladas no Real Decreto Lei 21/2020, do 9 de xuño.
O lugar escollido para a reunión, logo de obter a autorización tanto da dirección do centro como do Concello, é o pavillón deportivo do CEIP de Atios. É un espazo que reúne as condicións acaídas para manter as distancias e outras medidas sanitarias. Na convocatoria persoal dirixida a cada comuneiro adxúntase un breve comunicado sobre as medidas que deben adoptar para estar presentes na asemblea. Ademais da máscara, que debe traer cada participante, haberá no pavillón dispensadores de xel hidroalcóholico, as cadeiras gardarán unha distancia mínima de metro e medio, habilitaranse unha entrada e unha saída independentes para para evitar os contactos, etc. A segunda convocatoria está fixada para as 20:00 h, pero dende as 18:00 estará habilitado o dispositivo de rexistro de asistencia para evitar aglomeracións.
A asemblea prevista para o pasado mes de marzo tivo que ser suspendida polo estado de alarma e os puntos da orde do día incluídos daquela trasládanse a esta convocatoria de outubro. Así, someteranse a aprobación, se procede, as contas de 2019 e os orzamentos para 2020. Ademais, a xunta reitora proporá aos comuneiros unha modificación de varios artigos dos estatutos para adaptalos á normativa vixente e á última xurisprudencia relativa ao funcionamento das comunidades de montes. Outros puntos da orde do día son a aceptación das condicións para o paso dunha liña de alta tensión polo monte comunal; varios arrendamentos de parcelas no monte Carrascal e Laxedo; e a proposta de externalización da xestión forestal dunhas 30 hectáreas de monte dedicadas ao cultivo de eucalipto.
Rematou o deslinde
Dentro do apartado de informes darase conta aos comuneiros, entre outros asuntos, das últimas resolucións da consellería do Medio Rural sobre o trámite de deslindamento do monte comunal. Recentemente o departamento xuridico da consellería resolveu os recursos de reposición presentados contra as resolucións do primeiro, segundo e terceiro treito do deslindamento do monte comunal de Atios.
Deste xeito ponse fin á vía administrativa dun procedemento longamente solicitado pola comunidade de Atios, xa que se perseguía poñer fin ao que sempre foi unha fonte de conflito polas discrepancias entre os límites do monte comunal e as propiedades ou ocupacións de particulares. Tamén se ditamina o carácter veciñal dos encravados que a clasificación do xurado privincial de montes deixou -de xeito incongruente, cómpre sinalar- a nome do concello do Porriño. Rematada a vía administrativa, calquera diferenza que persista sobre os límites ou títulos de propiedade deberá dirimirse nos tribunais, na vía civil.
A xunta reitora insta á participación dos comuneiros de Atios nesta asemblea, obrigatoria para o funcionamento legal da comunidade, pero faino sempre cun chamado á responsabilidade de todos para que sexa unha xuntanza segura, porque o primeiro é a saúde.