Mércores, 11 Decembro de 2024

O PP pedirá no Pleno do Porriño a inclusión do Concello no «Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía»

O grupo municipal do Partido Popular do Porriño pedirá ao Pleno que acorde solicitar a inclusión do municipio no «Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía» no que están xa implicados case que a metade dos concellos galegos e, segundo sinalan os populares porriñeses, “O Porriño non é un deles”.

Alejandro Lorenzo, portavoz do PP no Porriño explica que todos estes municipios “comparten unha visión común de cara o 2050: acelerar a descarbonización dos seus territorios, fortalecer a súa capacidade de adaptarse aos impactos ineludibles do cambio climático e conseguir que os seus cidadáns disfruten do acceso a unha enerxía segura, sosteñible e asequible”.

Dende a Xunta de Galicia, que exerce como coordinadora na comunidade, informouse a principios de ano a todos os Concellos invitándoos a unirse ao pacto e poñendo á súa disposición os medios precisos para facelo, “sen que o Goberno Municipal do Porriño o tivera en conta”, afirma o portavoz popular.

“De nada vale salir a facerse unha foto cos nosos nenos e nenas que saen á rúa para reclamarnos solucións a quen temos nas nosas mans dalas, mentres nos cruzamos de brazos”, lamentou Alejandro Lorenzo, “As fotos e as palabras non cambian as cousas, hai que actuar e hai que facelo xa”.

Neste sentido, o edil popular salientou que “na loita contra o cambio climático os concellos xogan un papel esencial. Da suma de pequenos xestos resultan grandes cambios” e para iso, “o compromiso debe ser firme e traducirse nunha planificación de medidas e obxectivos que aseguren un desenvolvemento sosteñible”.

Asinar esta alianza formalizaría o compromiso de respaldar o obxectivo europeo de reducción dos gases de efecto invernadoiro nun 40% para 2030 e a adopción dun enfoque común para a mitigación e adaptación ao cambio climático.

“Trátase dun compromiso político valente e necesario”, sinala Lorenzo, “O Porriño ten un enorme potencial e debemos coidar a pegada que deixamos no noso entorno, dirixirnos dende xa hacia un concello sosteñible, sensibilizado co coidado do noso medio e rexido por criterios de responsabilidade ambiental”.

A adhesión ao Pacto dos Alcaldes conleva levar a cabo un inventario de emisións de referencia e a evaluación de riscos e vulnerabilidades do Concello derivadas do cambio climático.

En base a toda esta información, débese redactar un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sosteñible que inclúa as accións que se pretenden acometer. Adquírese o compromiso de presentar este plan de acción no prazo de dous anos dende a adhesión ao Pacto.

Unha estratexia de descarbonización das instalacións municipais, a elaboración dun Plan de Eficiencia Enerxética ou a incorporación de criterios de responsabilidade ambiental nas contratacións públicas, son algunhas das medidas propostas no proxecto dos populares.