Mércores, 7 Maio de 2025

O PP esixe ao concello do Porriño que reclame as débedas do aparcadoiro da Avenida Galicia e das canteiras

O PP do Porriño esixiu o venres, nun pleno extraordinario solicitado polos populares, que o Goberno local reclame á empresa concesionaria do aparcadoiro da Avenida de Galicia os 40 mil euros que debe do canon desde 2012, e o cobro dos alugueiros das canteiras do Porriño, nos que hai 1,2 millóns de euros pendentes de abonar.

Unha situación que, segundo o voceiro local do PP, Alejandro Lorenzo “é totalmente grotesca e resulta inexplicable que o Concello de Porriño teña pendente de cobro máis de 1,2 millóns de euros e o Goberno local non reclame eses cartos para destinalos a servizos e melloras para os veciños”.

Ademais, con respecto ao aparcadoiro, sinala que a situación empeora porque “a empresa non paga o canon, está incumprindo de xeito grave os pregos da concesión en canto á limpeza, seguridade e servizos, pero si cobra aos usuarios”, ante a desidia do Goberno local que, sinala Lorenzo, “en comisións informativas nin sequera souberon aclarar de quen era o parking”.

O Partido Popular do Porriño denuncia “o abandono e deficiencias” que sofre o aparcadoiro da avenida de Galicia, “nos que se están incumprindo de xeito grave” os pregos polos que se adxudicou a concesión en 2004, e durante 40 anos, á empresa Cota 7 servizos e inversións S.A. O voceiro Alejandro Lorenzo, explica que “a empresa concesionaria está incumprindo en todos os aspectos coas súas obrigas, leva varios anos sen pagar o aluguer, está sucio, falta hixiene e non existe atención presencial no aparcamento, pero sí continúa cobrando aos usuarios polo seu uso ante un Goberno local que non fai absolutamente nada”. Ademais, tampouco hai seguridade e o ascensor está fóra de servizo, polo que impide o acceso a persoas con mobilidade reducida e carros de nenos, e ata o propio Concello, con medios propios, realizou melloras nas beirarrúas esta misma semana, obras que deberían de ser asumidas co aval existente da empresa concesionaria.

Esta situación deixa en evidencia, segundo o popular, “a pésima xestión dos socialistas de Porriño, con pouca capacidade para solucionar os problemas e unha deixadez absoluta para reclamar á concesionaria que cumpra e garanta un servizo de calidade nunha instalación pública.

“O Concello do Porriño ten que adoptar de xeito inmediato as medidas necesarias para o bo cumprimento dos pregos. Existe un total descontrol na vixilancia deste contrato. O Goberno local non poder deixar de xestionar o seu patrimonio, debe velar polos intereses da cidadanía do Porriño e obrigar á empresa concesionaria que cumpra todos os pregos e condicións do servizo”.