No pleno celebrado este mércores 15 de setembro, o goberno municipal do Porriño presentou catro modificacións orzamentarias sobre os orzamentos prorrogados que se elaboraran no ano 2018. O importe destas modificacións supera os dous millóns de euros en total. Deste xeito, explica o portavoz do Grupo Popular, Alejandro Lorenzo, “o Concello do Porriño continúa, case catro anos despois, sen presentar proposta orzamentaria algunha”.
Os populares aseguran que os seus socios de Goberno “quen apoiaron a investidura no seu día, cun pacto no que pedían que nos primeiros 100 días de goberno se presentaran uns novos orzamentos”, así como inversións nas parroquias e casco urbano; “claudican unha vez máis cunha parálise nunca antes vista e tentando resolver a situación con modificacións orzamentarias á carta.”
A situación do concello “é nefasta, co total abandono dos parques infantís, camiños e vieiros; onde a limpeza, rozas e saneamento é inexistente”. Estas, tal e como sinala o voceiro do PP Alejandro Lorenzo “son as necesidades que levamos reclamando durante moito tempo, xa que non se pode xestionar un concello adecuadamente sen demostrar interese polo pobo e sen a elaboración duns orzamentos”. Ante esta situación de desorde “os seus socios do goberno non foron quen de presentar nos case catro anos de goberno, un novo borrador de orzamento municipal, unha prioridade para un concello que supera os 20.000 habitantes”
Ademais, advirte, que nas modificacións orzamentarias que se presentaron no último pleno “o goberno municipal non pode buscar partidas e inventar ingresos para xustificar tódolos gastos que precisa este concello”. Así consta nos informes de posibles ingresos anuais, cunha contía elevadísima, nos que os referidos ás multas de tráfico pasarán dos 250.000 euros anuais ós 904.230 euros no ano 2021, feito polo cal pediremos o informe correspondente ó goberno municipal.