Sábado, 3 Maio de 2025

O PP do Porriño asegura que o Concello contrata “a dedo” a limpeza viaria “pese a ter adxudicado o servizo”

Os populares reclaman ao Goberno Municipal que faga efectiva a adxudicación destes servizos á concesionaria Urbaser

O portavoz do PP do Porriño, Alejandro Lorenzo, denunciou o estado dos viais e camiños municipais “invadidos pola maleza” e que, sinala o concelleiro popular, “supoñen en moitos casos un evidente risco para a seguridade de peóns e condutores e agrava o perigo de incendio ás portas da tempada de alto risco”. Esta situación, di Lorenzo “está a desatar aluvións de reclamacións dos veciños e veciñas do rural porriñés que demandan a inmediata intervención do Concello”.

Estes traballos de eliminación da maleza e limpeza de viais e de limpeza diaria parques infantís e xardíns “foron adxudicados definitivamente, por acordo plenario do pasado 27 de maio, á entidade Urbaser sen que a día de hoxe o Goberno Municipal fixera efectiva a concesión”.

“É inasumible e inxustificable que o Goberno Municipal continúe contratando a dedo para levar a cabo estes traballos á mesma empresa que á que se lle retirou a concesión por incumprir os pregos do contrato”, denuncia Alejandro Lorenzo, “E ademais, de xeito evidente non se está prestando este servizo en condicións. Todas e cada unha das parroquias están totalmente abandonadas a pesar de que os veciños do rural pagamos este servizo cos nosos impostos”.

Así, os populares reclaman ao Concello que proceda de inmediato á limpeza e mantemento dos viais de todas as parroquias do municipio e a inmediata incorporación da empresa á que se lle adxudicaron estes servizos.