Domingo, 4 Maio de 2025

O Porriño recupera os seus xogos olímpicos, volve Porrigalia

O Porriño volve transformarse en sede dos xogos olímpicos que reúnen ás principais civilizacións. Galos, castrexos, exipcios, romanos e gregos loitarán esta fin de semana impoñerse nos VI XOGOS OLÍMPICOS DO PORRIÑO. PORRIGALIA 22.  

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Cultura e Comercio, Bienvenido Estévez e Antía Carrera, respectivamente, o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño AHOSPOR, José Manuel Fernández e representantes de ANPAS, asociacións e clubs participantes na organización, presentaron esta mañá a programación do que sen dúbida é o evento do verán.

Porque Porrigalia vai moito máis alá duns xogos olímpicos, aunando o deporte con música, actividades infantís, gastronomía e espectáculos para todos os públicos.

“Se había unha actividade que creo merece a pena recuperar é Porrigalia, e así facíamo saber a veciñanza”, afirmou o alcalde, “Porque non só é festa, deporte e convivencia, senón tamén un verdadeiro revulsivo para a hostalería e o comercio local. Son días de divertirse, compartir e dinamizar a vila”. O alcalde quixo agradecer a implicación do tecido asociativo, hostaleiros, clubs deportivos e anpas que se volcaron nesta festa. “Sen eles non sería posible, Porrigalia é unha festa de todos e para todos”, concluíu.

Un agradecemento ao que se sumou o concelleiro de Cultura animando á xente a “divertirse,  gozar e vivir a fondo estes días no Porriño”.

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros quixo poñer en valor a iniciativa e o que supón para hostalería local. “Son 25 os locais que participarán da programación, transformándose para a ocasión”, explicou, “Recuperar Porrigalia para nós é moi importante, é o mellor evento de ocio e neste momento é moi necesario”.