Sábado, 3 Maio de 2025

O acordo entre ‘Naturgy’ e o Concello do Porriño permite o restablecemento do subministro eléctrico

O Concello do Porriño vén de informar que tanto o Mulitusos de Torneiros coma o Centro de Día de ‘AFAGA’ e outras instalacións municipais “teñen plenamente normalizado o subministro eléctrico”. A empresa Naturgy restaurou o servizo nos centros de distribución logo das xestións realizadas pola alcaldesa Eva Gardía de la Torre que, no día de onte, tiña formulado unha queixa ante a dirección provincial da empresa subministradora “polo seu proceder”.

Para García de la Torre, o corte de realizado onte pola empresa “foi unilateral, abusivo e ilegal” xa que o abastecemento eléctrico en instalacións dependentes do Concello do Porriño “teñen consideración de servizos esenciais tanto pola lexislación de regulación eléctrica coma pola numerosa xurisprudencia existente”, afirmou a rexedora local.

A alcaldesa lembrou que Goberno municipal e Naturgy están a manter conversas dende hai meses “polos importes e tarificacións realizadas pola eléctrica durante 2019 e 2020”. Eva García lembrou que se trata “dun asunto complexo” porque Naturgy libra 150 facturas cada mes. Como exemplo, engade a alcaldesa do Porriño, “baste decir que no ano 2018, un 40 % das facturas eran erróneas e no que atinxe a 2019, expediu 1.500 facturas ao Concello”. “Semellante chea de facturas –engade– complican e ralentizan a tramitación e comprobación aos funcionarios municipais”.

Tras a reunión mantida esta mesma mañá na Alcaldía do Porriño, acordouse que, por parte de Naturgy intentarase facilitar unha folla de cálculo con todas as referencias para que, dese xeito, o Servizo de Intervención do Concello poida fiscalizar debidamente a facturación de 2019.

Pola súa band, o Concello, a medida que teña verificadas as facturas e que non haxa nin inexactitudes nin duplicidades, procederá ao seu recoñecemento e pago e, finalmente, na vindeira semana aboaranse as facturas pendentes deste exercicio de 2020.

O acordo foi subscrito por Francisco José López Martín, delegado de Ventas de Naturgy Iberia e Eva García de la Torre como alcaldesa do Porriño.

Resposta ao PP

Doutra banda, a alcaldesa Eva García de la Torre non dubidou en cualificar de “paradoxal” a posición do PP porriñés que lles fai vivir, afirmou “nunha constante esquizofrenia entre o que din e o que fan”.

“Piden a miña dimisión porque non pagamos facturas e quero lembrar que este Goberno Municipal, con data 30 outubro aprobou en Pleno Ordinario e realizou o pagamento dunha remesa de facturas de Naturgy dos exercicios de 2017 e 2018 por un importe global de 202.915,62 €. Por certo aprobación plenaria cos votos da maioría formada por PSOE, BNG, EU Son e UDDL mentres que o Partido Popular oponíase a pagar, plantexou unha revisión de oficio das facturas que alongaria 4 anos o trámite e finalmente votou en contra de aboar”, recordou Eva García.

A alcaldesa engadiu que o PP o que tería que facer “é non alegrarse de situacións que prexudican ao Concello e poñerse a disposición do mesmo para colaborar en atopar solución; en suma colaborar e non bloquear”. Eva García comparou a postura do PP coas reaccións de EU Son e UDDL que valorou como “impecables”. A rexidora recibiu chamadas tanto de Pedro Ocampo coma de Manuel Carrera que mostraron interese por ser informados e disposición de colaborar.