21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoFernández-Tapias anuncia a renovación das carpinterías exteriores do CEIP da Cruz-Budiño do...

    Fernández-Tapias anuncia a renovación das carpinterías exteriores do CEIP da Cruz-Budiño do Porriño

    A actuación vai aliñada coas directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

    A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe un investimento de 187.000 euros para a renovación das carpinterías exteriores do CEIP da Cruz-Budiño, no municipio pontevedrés do Porriño.

    Acompañado por técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, entre eles o xefe territorial do departamento autonómico, César Pérez Ares, informou á dirección deste centro pontevedrés das obras de mellora que se van a realizar.

    A actuación, segundo detallou, consistirá na substitución das carpinterías e vidreiras exteriores nos edificios de primaria e secundaria, atendendo a unha necesidade real detectada polos servizos técnicos da Xunta. O obxectivo, dixo a delegada, é dotar o CEIP da Cruz-Budiño dunha maior funcionalidade e confortabilidade, ao tempo no que mellora a eficiencia enerxética de ambas as dúas edificacións.

    Debido ás deficientes condicións das carpinterías existentes procederase á renovación de todos os elementos, incluídas as persianas cando existan. Deste modo, substituiranse por unhas de material de aluminio natural con rotura de ponte térmico e apertura oscilobatiente e/ou fixa dependendo de cada caso. Asemade, as portas metálicas existentes cambiaranse por outras de aluminio panelado.

    No caso das fiestras que por cuestións de altura non podan ser manipuladas serán monitorizadas e nas dos aseos retiraranse as rexas metálicas existentes e colocaranse aireados que permitan garantir unha ventilación permanente. En canto ás persianas serán compactas, con lamas de aluminio en cor similar á carpintería e con sistema de apertura tipo cardan.

    Fernández-Tapias cifrou en preto de 900.000 euros as inversións realizadas nos centros educativos do Porriño nos últimos anos, dos que 241.000 euros corresponden concretamente ao CEIP da Cruz-Budiño.

    Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

    Por último, a delegada explicou que esta actuación vai aliñada coas directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa pioneira coa que a Xunta de Galicia busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, con espazos máis amplos e saudables, máis accesibles nos que as instalacións educativas estean ao servizo dos proxectos educativos.

    O plan, que contempla un investimento de 191M€ para esta lexislatura, será a folla de ruta que rexerá para todas as obras educativas para os próximos anos, sexan de rehabilitación, de ampliación ou de nova construción.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.