Os servizos sanitarios trasladaron a pasada medianoite a unha muller e a súa filla que presentaban síntomas de intoxicación por inhalación de gas ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos servizos de emerxencia que acudiron ao domicilio das afectadas, o suceso produciuse escasos minutos despois da medianoite, no concello pontevedrés do Porriño. Nese momento, os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acudiron a Rúa Doantes de Sangue para atender a dúas persoas con síntomas dunha posible intoxicación de gas.
Desde o 112 Galicia, informouse decontado aos Bombeiros de Porriño e aos axentes da Policía Local. Igualmente, avisouse á empresa que subministra o gas á vivenda e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.
Unha vez no lugar dos feitos, os bombeiros tras realizar as correspondentes medicións, indicaron que unha caldeira puido ser a causa do escape nocivo de gas e procederon a ventilar a vivenda.