Sábado, 3 Maio de 2025

EU Son do Porriño pide a dimisión da alcaldesa pola “pésima xestión dos cartos públicos e das contratacións”

O Grupo Municipal de EU Son do Porriño–Son en Común pediu no Pleno do martes 30 de xuño, a dimisión da actual alcadesa ao considerar a formación asamblearia “que ten que asumir a súa responsabilidade na pésima xestión dos cartos públicos e das contratacións no Concello do Porriño”.

Asegura EU que apostura do seu grupo “non mudou, é a mesma que na anterior lexislatura e o motivo polo que non entramos no Goberno” pero, engaden, “as formas e a postura da alcaldesa tampouco mudaron, seguen a aparecer facturas pendentes de pago e as explicacións ou a súa ausencia non nos convencen. Converteu en normal o que debía ser algo excepcional”.

Para Esquerda Unida-Son, queda claro que os provedores teñen que cobrar e “os expedientes da conta 413 ten que atopar unha solución no Pleno”, pero, explican, “tamén está clara a responsabilidade de quen nos levou a esta situación” polo que esixen a documentación “enriba da mesa” e que a situación económica do Concello “sanéese xa, que se controle o gasto corrente, que as contratacións se axusten aos procedementos establecidos, que se fomente a libre competencia, o que cabe agardar dunha xestión minimamente responsable cando estamos a falar de cartos públicos”.

Lamenta EU que, un ano despois da conformación do novo Goberno “a vida municipal estea estancada no caos” e, volvendo a vista atrás, lembran que o mandato comezou coa promesa “dunha coordinación e relacións fluídas, reunións da Xunta de Voceiros e un estudo polo miúdo da situación da totalidade das facturas impagadas” pero, apuntan Esquerda Unida, “infórmase parcialmente, continúan sen explicación facturas que tentaron levarse a recoñecemento unha e outra vez, contratos fraccionados, empresas cos mesmos apoderados ou administradores, mistúranse facturas de subministracións e traballos aparentemente regulares con outras informadas pero que non se suman ao total da débeda e fan que pensemos nun montante final aínda peor do que se nos presenta”.

“Mentres unhas empresas e autónomos pechan as súas portas, outras son favorecidas de xeito continuo por un Concello que actúa de xeito pouco transparente e sen respectar a libre concurrencia e o dereito a participar nos contratos do Concello de todas as empresas e autónomos/as do Porriño. Non imos permitir que se siga por este camiño, botando man de nós só para a súa propia conveniencia e non polo interés xeral” afirma EU.

Estes motivos son, afirman, suficientes para que Eva García de la Torre dea un paso atrás “que asuma a responsabilidade política que lle corresponde e que outra persoa do seu grupo asuma a Alcadía”.

Remata Esquerda Unida subliñando que “a situación é límite e o Goberno ten que poñerse a traballar nuns orzamentos negociados coa oposición, a menos que aínda siga a actuar coma se gobernase en maioría. Agora é o PSOE do Porriño quen ten que decidirse a dar o paso”.