Luns, 5 Maio de 2025

EU Son do Porriño denuncia a falta de transparencia nas medidas adoptadas polo Goberno en relación co COVID-19

O Grupo municipal de EU Son do Porriño lamentou hoxe a “falta de transparencia e ausencia de información” sobre as medidas que está a desenvolver o Goberno local porriñes con respecto ao coronavirus. Na pasada semana, o grupo municipal de Esquerda Unida xa manifestara o seu “malestar” pola ausencia de reunións ou Plenos para dar conta, ao resto dos grupos da Corporación, das xestións realizadas e as medidas adoptadas nesta crise.

A formación que encabeza Pedro Ocampo asegura ofrecer “todo o apoio nesta primeira fase da crise” pero tamén aclara que a xestión “ten que facerse sempre con total transparencia e facendo partícipe ao resto da Corporación de todas as medidas e decisións que se tomen seguindo as pautas dadas dende o Goberno estatal”.

En datas pasadas, EU pediu explicacións “de xeito formal” vía Sede Electrónica do Concello e, aseguran, “nun comunicado á prensa e en redes sociais e convócannos informalmente e sen orde do día, a unha reunión para o luns 27, todo isto a través do wahtsapp por parte do Xefe de Gabinete”.

Lamenta EU Son do Porriño ter que irse enterando das accións do Concello pola prensa e polas redes sociais, medios polos que tiveron coñecemento “da compra duns pen drive para que as rapazas e rapaces poidan conectarse ás súas clases en liña dende a casa, do custe da entrega de artigos de primeira necesidade a algunhas familias que están a pasalo mal e ata sabemos dunha posible partida económica para apioar á hostelería e o comercio da nosa vila”.

Da partida anunciada para o comercio e hostelería, asegura EU, “a única información da que dispoñemos é a facilitada por representantes destas actividades económicas que están a vivir unha situación moi difícil e sen perspectivas de que poida cambiar ata dentro de moito tempo”.

“Nin un documento, nin unha negociación con asociacións ou colectivos implicados; ningunha reunión cos grupos municipais da Corporación; só o trato directo de representantes destes colectivos cun ou outro concelleiro e coa alcaldesa que quedaron en promesas de palabra e contradicións nos feitos”, afirma a Esquerda Unida engadindo que todo este xeito de actuar é “por non facer as cousas como toca: transparente, con información, participación dos colectivos afectados e coa vista posta no ben común. O contrario é a política municipal de sempre e impropia de institucións democráticas”.

Advirten á alcaldesa Eva García de la Torre, que así “non se pode actuar nunca e menos nunha situación tan excepcional como a que estamos a vivir e que, de diferentes xeitos, se vai alongar no tempo cambiando a vida normal para sempre. Isto non vai de apuntarse os tantos nin de feitos consumados deixando ao resto dos grupos da corporación a un lado”.

Remata sinalando Esqueda Unida Son que agora “o que a xente agarda de toda a corporación, tanto goberno como oposición, é que se poña de acordo nun proxecto para O Porriño que queremos ser”.