Xoves, 23 Xaneiro de 2025

Concello do Porriño e ADIF manteñen unha reunión sobre o proxecto de supresión do paso a nivel

A alcaldesa do Porriño, Eva García, e a directora xeral de Planificación e Proxectos de ADIF, Monserrat Rallo, asistidas por técnicos dos seus respectivos departamentos, mantiveron na mañá de onte unha reunión telemática para revisar detalles sobre o proxecto de supresión do paso a nivel no centro da vila.

A alcaldesa trasladoulle a ADIF a posibilidade de que estuden aumentar a lousa –o treito da vía férrea que será soterrada– para que haxa un espazo peonil máis amplo que permita unha maior trama urbana.

Os técnicos de ADIF valorarán esta posibilidade, que se resolverá nunha próxima reunión técnica, que xa será presencial, que se celebrará en novembro en Madrid.

Eva Garcia amosouse “moi esperanzada” de que o proxecto de supresión do paso a nivel no Porriño reciba unha das partidas de inversións contempladas nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022.