Luns, 4 Novembro de 2024

Cami Moreira relevará a Ana Bastos no grupo municipal do BNG do Porriño

O BNG do Porriño formalizará, no decurso do vindeiro pleno da Corporación, o relevo da súa concelleira Ana Bastos por Cami Moreira. O relevo de Bastos prodúcese por motivos laborais. A actual concelleira, explican os nacionalistas porriñeses, “continuará na organización nacionalista exercendo de responsable local do BNG do Porriño, función que leva desenvolvendo nos últimos anos”.

Por outra banda, o BNG do Porriño mantivo o pasado martes unha reunión co PSOE para avanzar no acordo de goberno que leva parado todo o verán, “unha vez que a nova estrutura de goberno foi aprobada polo Pleno municipal o mércores 4 de setembro” o que, segundo os nacionalistas “era o principal escollo para que puidesen continuar as negociacións entre ambos partidos que comezaran no mes de xuño”.

O BNG considerou dende o inicio das conversas co PSOE que para poder chegar a un acordo de cogoberno “era imprescindible reestruturar as áreas do anterior goberno municipal e así asumir as novas nas áreas nas mellores condicións para favorecer os cambios que o Porriño necesita”.

As negociacións estiveron paralizadas durante todo o verán “a causa das distintas irregularidades na convocatoria de plenos”, explica o BNG, e retómanse agora co fin de establecer as delegacións xa acordadas “e concretar por ambas partes as áreas e funcións a levar a cabo”.