Mércores, 7 Maio de 2025

Blanca Francés deixa a súa acta de concelleira de EU Son do Porriño por motivos de saúde e José Manuel Villa ocupará o seu posto

EU Son do Porriño vén de dar a coñecer que na asemblea celebrada onte, 30 de xaneiro, a concelleira Blanca Francés informou, tanto á militancia coma simpatizantes, a decisión de “deixar a súa acta como concelleira por motivos de saúde”. Este paso, comunicado hai xa meses ao resto do Consello, viuse aprazado dada a complicada situación que se vivía no Concello do Porriño.

A formación asemblearia agradeceu “o seu traballo e o seu compromiso” nestes dous anos, que amosou aínda máis “agardando a que as circunstancias cambiaran, e o esforzo que lle supuxo ser parte de recentes e duros procesos”. Á marxe xa da parte institucional –engade EU Son– seguirá sumando, con honestidade e coma sempre, dentro da organización”.

A renuncia formalizarase o antes posible para axilizar a toma de posesión do novo concelleiro, José Manuel Villa Collazo. A súa incorporación ao grupo municipal “trae valentía, seriedade e un firme compromiso co ben común e o interese xeral”, afirma EU.