O ciclismo volverá ás estradas das comarcas da Louriña e O Condado os días 8 e 9 de maio cunha nova edición da ‘Challenge Rías Baixas’ que neste ano 2021 cumpre a súa quinta edición organizada polo club ‘Master da Louriña’. A proba, de rango nacional, foi presentada na mañá de hoxe na praza do Arquitecto Antonio Palacios do Porriño, coa presenza do deputado provincial de deportes, Gorka Gómez; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o presidente Club Master Louriña, Juan José Álvarez Cerdeira; e os concelleiros de deportes do Porriño, David Alonso; Mos, José Areal e o concelleiro de Mocidade de Ponteareas, Miguel Bouzó.
A proba contará con tres etapas, unha primeira contrarreloxo de 8 quilómetros en Guláns, Ponteareas; unha segunda etapa en liña de 81 quilómetros con final en Mos e unha etapa final de 85 kilómetros no Porriño.

Juan José Álvarez Cerdeira, presidente do equipo ‘Master da Louriña’, club organizador, amosou o seu convencemento de “chegar a unha participación de 200 corredores como ven sendo habitual” e atribuiu esta resposta ao feito de “saber darlles aos ciclistas o que eles queren”. Álvarez Cerdeira lembrou que na edición de 2020 o gañador da proba fora Jaime Romero quen “pouco tempo despois pasou a profesional e fichou co equipo Caja Rural-Seguros RGA”.
Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega gabou o “excelente traballo de promoción de categorías inferiores que realizan clubs como Master da Louriña para sacar e dar a coñecer a futuros ciclistas”.
Pola súa banda Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes destacou o “enorme esforzo conxunto dos clubs e das institucións eiquí representadas por sacar adiante a organización de eventos deportivos que ademais xeran unha sinerxia económica”.
Rematou o acto de presentación, David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño que lembrou que dende o ano 1996 o concello porriñés manten un apoio permanente ao ciclismo con achegas que suman un millón de euros. O responsable de Deporte do Porriño expresou o seu convencemento que este ano a ‘Challenge Rias Baixas’ volverá “a dar moito espectáculo tanto na contra reloxo de Guláns como na etapa que rematará no Pazo de Mos e agardemos que na última que acolleremos no Porriño”.