18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosX Solidaria: COGAMI e Concello piden en Mos o apoio das persoas...

    X Solidaria: COGAMI e Concello piden en Mos o apoio das persoas contribuíntes na declaración da renda

    Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 32.540.813€, é dicir, 12.905.500€ máis dos recadados

    Persoas profesionais e usuarias de COGAMI, encabezadas polo seu presidente provincial, Ángel Holguera, e acompañadas pola Alcaldesa de Mos, Nidia Mª Arévalo, e as concelleiras de Política Social e Educación mosenses, Sara Cebreiro e Julia Loureiro, respectivamente, reuníronse esta mañá no Multiusos das Pozas para facer un chamamento á cidadanía de cara a marcar o X Solidario á hora de facer a declaración da renda. 

    Foton preto de trinta persoas as que se xuntaron para a lectura dun manifesto que recolle as principais reivindicacións dos colectivos sociais así como información dos programas que se poñen en marcha cada ano grazas ás persoas contribuíntes que marcan o X Solidario.

    As entidades que conforman o Terceiro Sector queren lembrarlle á cidadanía que marcando a casiña de “Actividades de Interese Social” conséguese que un 0,7% dos nosos impostos se dediquen proxectos e programas a favor da inclusión social de persoas con discapacidade, mulleres, infancia e programas de cooperación…

    Coincidindo co inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda, as ONG galegas representadas por EAPN Galicia, Cermi Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, piden a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecido como X Solidaria.

    Ante a realidade que estamos vivindo actualmente, faise vital contribuír ao funcionamento das entidades que loitan contra á exclusión social e a pobreza. As ONG prestan servizos esenciais na loita contra o COVID-19, a crise social e económica actual pola inflación e a guerra de Ucraína, apoiando e defendendo os dereito das persoas máis vulnerables. Este traballo é posible co X Solidario.

    O financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF é necesario e fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.

    Xa foron moitas as persoas que na campaña anterior colaboraron marcando a X Solidaria en Galicia: 744.082 persoas, o que supón o 54,94% do total das contribuíntes. Comparado co ano anterior, foron 8.377 persoas máis as que marcaron o recadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social.

    Con este xesto recadáronse 19.635.313€, unha cantidade de 26,39€ por persoa, permitindo recadar a cantidade de 342.930€ máis. Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado, recaeron en 141 organizacións galegas de acción social que puideron levar a cabo máis de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a 105.000 persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, nenos…

    Todas estas persoas son usuarias de programas como o de teleasistencia, apoio ás persoas con discapacidade e familias, educación para a saúde, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna sociofamiliar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.

    Dende as entidades sociais temos o punto de mira nas 610.363 persoas contribuíntes que seguen sen marcar o X Solidario. Destas, foron 494.714 as que non marcaron ningún recadro e 115.649 as que só marcaron o recadro da Igrexa. Se todos os galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 32.540.813€, é dicir, 12.905.500€ máis dos recadados.

    A nivel estatal, a campaña da renda do exercicio anterior recadou no Estado 386.865.257€ que procederon das 11.646.682 persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de interese social da X Solidaria na declaración da renda. Non obstante, a recadación baixou 345.503€ (-0,61% respecto ao ano anterior) debido á incidencia da crise provocada pola pandemia.

    emerXencia SOLIDARIA

    Unha trintena de persoas entre profesionais e usuarias de COGAMI presentaba no Multiusos Pozas de Mos, espazo cedido polo Concello para este día, a campaña do X Solidario.

    O éxito da campaña do ano anterior debeuse a que se recoñecía o traballo de milleiros de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social, loitando contra a pandemia, coa crise económica e social actual e que seguirán facéndoo. Neste ano queremos encher as redes sociais coas etiquetas #emerXenciaSOLIDARIA e #MarcarLaXesLoNormal

    Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

    Máis información: 

    www.xsolidaria.org

    EAPN Galicia / CERMI Galicia e Plataforma de ONG de Infancia. 698 127 110

    Marcar o X Solidario non custa nada

    • Nin pagas máis, nin che devolverán menos.
    • Se xa se marca a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, pódese axudar o dobre.

    Decidir e elixir que queres que se faga cos teus cartos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro e decida.

    Porque ao facer isto NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións. Do que hai que pagar na Declaración do IRPF o Estado saca un 0’7% para que ti decidas en que se vai gastar.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.