As Maimiñas, Mai e Miña, Lucía Lago e Irene Álvarez, presentaron esta mañá no Concello de Mos xunto coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Política Social e Igualdade e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, unha nova edición do Festival Infantil Musicando no Canto Conto.
Musicando no Canto Conto, organizado polas Maimiñas e Reviravolta Produccións, patrocinado polo Concello de Mos e a Xunta de Galicia, e coa colaboración da Fundación Pazo de Mos, celebrarase o domingo 30 de maio no Pazo de Mos; contando coa actuación matutina, ás 12.30 horas, de As Maimiñas e, pola tarde, concerto de Xoan Curiel ás 19.00 horas e actuación do grupo Animar-T.
A asistencia como público é totalmente de balde pero require de inscrición previa para poder garantir todos os protocolos e medidas anti COVID-19. Os interesados en apuntarse poden facelo escribindo un correo electrónico ao enderezo [email protected] no que indiquen nome, apelidos e número de teléfono móbil, así como o concerto e/ou concertos aos que se quere asistir e o número de asistentes. Para finalizar o procedemento os inscritos recibirán no seu correo electrónico a pertinente invitación para poder acceder ao evento.

Tanto Maimiñas como as representantes municipais Arévalo e Cebreiro declaráronse esta mañá “moi contentas e satisfeitas de retomar un ano máis o Musicando Canto Conto, tras non poder celebrarse o ano pasado por mor da crise sanitaria”. Un festival que definiron como “xa moi consolidado no Concello de Mos e unha alternativa cultural e de ocio ideal para as familias”. Así mesmo destacaron “a importancia de retomar a cultura segura nestes tempos de nova normalidade e de saber adaptar o ocio e a música ás novas circunstancias para garantir a tranquilidade e disfrute de público e artistas”.
Rexedora local e concelleira concluíron salientando que a mosense “é unha administración comprometida cos sectores que peor o están a pasar por mor desta pandemia, sendo un deles o musical e do espectáculo, e concienciada coas necesidades de lecer da cidadanía para garantir a calidade de vida dos e das veciños e veciñas de Mos. É por elo que, con este tipo de iniciativas, contrubuímos a recuperación dun sector damnificado ao tempo que retomamos certa normalidade na vida e no ocio da veciñanza, sempre cumprindo escrupulosamente todas as medidas sanitarias. Con música cultura e diversión aunadas en Musicando no Canto Conto”.