Sábado, 3 Maio de 2025

Reapertura das instalacións de verán en Mos

Tras o parón do ano pasado por mor da Covid-19 retómase a actividade nos parques da auga de Sanguiñeda e a Pesqueira e na piscina ao aire libre de San Eleuterio

Este sábado 19 de xuño Mos reabrirá, con motivo do inicio da tempada estival, dos Parques da Auga da Pesqueira e Sanguiñeda, que estarán en funcionamento todos os días no seguinte horario: de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.

Pola súa banda a piscina ao aire libre de San Eleuterio abrirá ao público o día 1 de xullo, con horario diario ininterrumpido de 11.00 horas a 21.00 horas.

Estas instalacións constan de dous vasos, un grande e un pequeno, destinado este último ó uso e desfrute dos cativos de menor idade.

Previamente á posta en funcionamento desta área de lecer, dende o Concello de Mos realizáronse labores de limpeza xeral de ambos vasos con reposición de auga e realización dos correspondentes tratamentos da mesma.

Estes traballos de mantemento realizáronse, como non podía ser doutro xeito, para que todo estea a punto e en perfectas condicións de uso no momento da apertura da piscina que terá lugar o 1 de xullo.

As instalacións, que constan de dúas piscinas: unha grande e unha pequena -para os nenos de máis curta idade- como xa se dixo, e de baños, contarán en todo momento con servizo de socorrista. A piscina está situada na zona oeste da urbanización de San Eleuterio, na parroquia mosense de Tameiga, xunto ó parque infantil e a pista deportiva.

O pasado verán, por mor da situación sanitaria derivada da COVID-19, as instalacións de ocio estival mosenses, piscina e parques da auga, non se abriron ao público nin foron utilizadas, pero este ano retoman xa a súa actividade con todos os protocolos e medidas sanitarias de seguridade e prevención para dar servizo e recursos de lecer á veciñanza pero sempre con todas as garantías para a saúde.