9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosPolicía Local de Mos e Garda Civil interveñen 11.000 luvas, 124 litros...

    Policía Local de Mos e Garda Civil interveñen 11.000 luvas, 124 litros de alcohol sanitario e 510 mascarillas

    A Policía Local de Mos conxuntamente coa Garda Civil veñen de realizar dúas actuacións en empresas que se adicaban ao almacenamento, venda e distribución de material sanitario relativo á presente crise do COVID-19 e non respectaban a orde do Ministerio de Sanidade de dar conta do material sanitario de que dispoñen.

    En concreto, a orde SND/233/220 do Ministerio de Sanidade establece que “as persoas xurídicas, nacionais ou estranxeiras ubicadas no territorio nacional, que teñan como actividade a fabricación e/ou importación de determinados produtos sanitarios, así como capacidade de desenvolvemento dalgún deles: mascarillas, kits de diagnóstico, hisopos, gafas de protección, luvas, batas defeitables, solución hidroalcohólica, dispositivos de ventilación mecánica, funxibles ou consumibles de equipos de VMI, alcoholes sanitarios e clorhexidina, teñen obriga de dar cumprimento á remisión de información sobre os mesmos mediante a cumprimentación dun modelo facilitado na sede electrónica do Ministerio de Sanidade nun prazo de dous días naturais a contar desde o 15 de marzo”, que foi cando se publicou a orde no BOE.

    A non presentación da información requerida ou a falsedade da mesma ten consideración de infracción administrativa en materia de saúde pública e pode ser sancionada dacordo co establecido no título VI da Lei 33/2011 de 4 de outubro Xeral de Saúde Pública.

    A primeira das accións neste sentido realizadas pola Policía Local de Mos e a Garda Civil produciuse o martes 17 de marzo durante a quenda de mañá, concretamente entre as 10.00 horas e as 11.00 horas. Aconteceu nunha empresa do Polígono do Rebullón que contaba con diverso material sanitario entre o que se atopaban mascarillas e solución hidroalcohólica, dos cales debería de ter dado conta a Sanidade e non o fixera. Os axentes da Policía Local procederon a dar aviso á Garda Civil, e conxuntamente ámbolos dous corpos acudiron ao lugar a levantar acta.

    A segunda actuación produciuse onte mércores 18 de marzo ás 15.30 horas. Unha patrulla da Policía Local de Mos dirixiuse a un establecemento da zona de Puxeiros tras enterarse de que estaban a vender mascarillas. Ao chegar ao local atopáronse con que xa non quedaba material e retiráronse, pero pouco despois sorprenderon ao dono do establecemento descargando dun vehículo, no seu domicilio, o material para repoñer no seu negocio, incautándoselle gran cantidade de mascarillas, luvas e solución hidroalcohólica.

    En total o suxeito transportaba no seu coche 11 caixas de 10 paquetes de 100 luvas, 8 caixas de 12 unidades de alcohol de 1 litro, 3 caixas de 15 unidades de alcohol de 0,5 litros, 1 caixa de 24 unidades de alcohol de 250 mililitros, 31 paquetes de 10 unidades de mascarillas brancas, 3 paquetes de 50 unidades de mascarillas brancas, e 1 paquete de 50 unidades de mascarillas azuis.

    En total intervíronselle 11.000 luvas, 124,5 litros de alcohol e 510 mascarillas. O material incautado foi trasladado pola Garda Civil ás súas dependencias para posteriormente dar coñecemento ao Ministerio de Sanidade.

    Ademais a Policía Local de Mos tivo que interpoñer xa 3 sancións por infracción ou incumprimento do Real Decreto do Estado de Alarma en todo o territorio nacional, que impide aos cidadáns saír do domicilio e desprazarse a pé ou en vehículos agás por motivos xustificados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.