22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosO 'Festival Intercéltico O Son do Pazo' apraza a súa sexta edición...

    O ‘Festival Intercéltico O Son do Pazo’ apraza a súa sexta edición ata setembro de 2021

    A comisión organizadora vese na obriga de cancelar a celebración deste ano ante a imposibilidade de manter o formato do festival cumprindo cos protocolos de seguridade

    “Cun enorme pesar, temos que dar a noticia que non queriamos dar: o ‘Festival Intercéltico O Son do Pazo 2020’ cancélase”. Así explicaba a comisión organizadora deste festival que, todos os anos, cita en Mos ao máis selecto do folk galego. Co cartel deste ano prácticamente pechado “un cartel de auténtico luxo”, aseguraban, “optamos pola prudencia ante a crítica situación sanitaria que vivimos nos últimos meses, nunha decisión que non foi doada para nós”.

    A comisión organizadora do Son do Pazo soñaba, como todos habitantes do estado, “con que este pesadelo pasara canto antes e gardabamos a esperanza de poder facer un gran festival que nos permitira rematar o verán con esa alegría que tanta falta nos fai. Pero atendendo ás circunstancias actuais, entendemos que non vai ser posible”.

    Antes de tomar esta decisión, estívose agardando a que as autoridades publicaran as medidas de seguridade e hixiene que ían esixir e que terían que ser respectadas escrupulosamente. “Comprendemos –afirman no seu comunicado– que toda precaución é pouca e o prioritario, para as administracións e por suposto para nós, é garantir a seguridade de toda a xente que participa no festival, artistas, persoal técnico, voluntariado e público”.

    O certo é que se estudaron distintas fórmulas para adaptar o formato do festival ao protocolo sanitario “pero chegamos á conclusión de que nos iamos ver na obriga de renunciar á esencia do evento”.

    Un espazo de alegría e liberdade

    “O Son do Pazo é un espazo de alegría e liberdade. Emocionámonos ao ver á xente cantar e bailar. Encántanos recibir ao público que enche de vida a contorna do pazo durante os dous días do festival. Compartir comida e bebida baixo a carpa, repartir apertas entre vellos coñecidos cos que nos une a paixón pola música galega e brindar pola amizade. Este ano ademais o recinto ía estar máis bonito ca nunca trala inauguración do parque que a Comunidade de Montes construíu a carón do Pazo… pero para facer realidade este soño, precisabamos que a situación sanitaria estivera 100% normalizada. E esta circunstancia, polo momento, non se dá”.

    O comunicado salienta que por parte da organización quérese “un festival de acceso libre e gratuíto. O C.C.D. Santa Eulalia e a comisión organizadora realizamos cada ano un enorme esforzo para que isto sexa así. Buscando patrocinadores, chegando a acordos coas distintas administracións e estudando todas as fontes de financiamento ao noso alcance. Todo co fin de facer chegar a música de raíz a un público o máis amplo posible. Porque facemos isto por amor á nosa cultura e ás nosas tradicións, sen ningún ánimo de lucro, e non nos gustaría ter que cobrar entrada ou limitar dalgunha maneira o acceso ao recinto”.

    En 2021, con forzas renovadas

    Asegura a Comisión organizadora do Son do Pazo, e o fai de xeito rotundo’ que o feito de que este ano non haxa festival “non significa, nin moito menos, que o noso proxecto remate aquí. O Son do Pazo volverá en 2021 e farao con máis forza ca nunca. O traballo realizado nos últimos meses non caerá en saco roto e servirá para que a próxima edición sexa un enorme éxito. Os artistas que ían actuar este ano comprenderon perfectamente a situación e comprometéronse a formar parte do cartel do ano que vén. E sabedes que? Vai ser un cartelazo!”

    O comunicado remata entre peticións de disculpas e agradecementos a partes iguais dirixidas “a artistas, técnicos, patrocinadores, provedores e institucións que cada ano colaboran connosco. Pola súa paciencia e a súa empatía. Porque souberon entender que para nós non era unha situación fácil e lonxe de meternos présa ou protestar polas nosas dúbidas, estiveron sempre ao noso carón, dándonos ánimos e tratando de facilitarnos o traballo. Aínda que sexa só por esta xente, agora temos a obriga de converter O Son do Pazo 2021 na mellor edición da historia do Festival”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.