Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Mos pon en marcha 5 andainas medioambientais polos montes do municipio

A primeira será este domingo 27 de xuño en Louredo, con saída desde á aldea  Alfacuca en San Antoiño, e regreso ao mesmo punto.

Un xeito ideal despois desta tremenda pandemia para facer deporte, coñecer o municipio, e gozar dos moitos espazos naturais de Mos.

Este vindeiro domingo día 27 de xuño terá lugar a primeira das 5 rutas medioambientais 2021, neste caso na parroquia de Louredo onde se percorrerá unha parte do seu monte comunal, coa aldea Alfacuca como punto de encontro. A saída tera lugar fronte ás escaleiras de Alfacuca, onde está a caseta informativa de madeira.

A ruta ten un percorrido medio de 2 horas.

Ás 10 da mañá é a hora de reunión e o remate está previsto preto das 12 horas.

Aconséllase levar calzado cómodo e que agarre ben, ademais de levar un bastón de sendeirismo ou calquera bastón de apoio.

As rutas estás catalogada para todos os públicos, pero desde o concello sinalan  que esta en concreto, conta con algúns puntos de bastante ascenso o que pode resultar difícil para nenos de corta Idade e persoas maiores.

Tamén indica a organización que está permitido a compañía de cans; apelando desde a  responsabilidade de cada un, de que estes saben convivir e levarse ben con outros cans e persoas.

Perfil da ruta

Ten unha lonxitude de 6,8 quilómetros con saída e chegada desde a restaurada aldea Alfacuca.

A ruta ten un inicio cun falso chan duns 500 metros chegando despois a unha subida de 1,2 quilómetros que non é difícil pero si con bastante elevación. Ao remate desta subida segue en ascenso pero xa con terreo moito máis favorable.

Chegados ao punto máximo de elevación de 419 metros comeza o descenso sobre o quilometro 3,8 polo rego do Torroeira, un regato que acompañará aos camiñantes por máis de 1,4 quilómetros.

Despois deste descenso que nalgún punto é algo pronunciado, chégase de novo á pista principal que comunica novamente con Alfacuca.

Os participantes estarán acompañados do Servizo de Protección Civil de Mos.

A próxima andaina está prevista para o 4 de xullo polo monte comunal da parroquia de Mos; o Salgueirón.