Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Mos incumpriu as bases do Plan Concellos cun cartel propagandístico

A colocación dun cartel propagandístico por parte do Concello de Mos sobre as inminentes obras da senda peonil do Foxo Vello, na parroquia de Pereiras, aproveitando a celebración das festas da parroquia pon en risco a subvención de 406.926,42 euros solicitada ao abeiro da convocatoria do Plan Concellos 2022-23. O cartel omite que as obras están financiadas ao 100 % pola Deputación. A alcaldesa, Nidia Arévalo, vén de recibir unha carta asinada pola xefa do servizo provincial de Cooperación, e instrutora do expediente administrativo da subvención, cun recordatorio da obriga do Concello de cumprir as bases, así como das posibles consecuencias do contrario.

A presencia do valado promocional, de grandes dimensións, está acreditada, cando menos, entre o 9 e o 12 deste mes no torreiro das festas da parroquia de Pereiras coincidindo coas festas do Libramento. Baixo un gran escudo e o nome do Concello de Mos aparece unha infografía sobre o aspecto final da obra. O texto reflicte: “Próxima actuación. Senda do Foxo Vello en Pereiras. Importe total proxecto: 406.926,42 euros”, cantidade coincidente coa subvención solicitada á Deputación. A obra, cuxa licitación, corresponde ao concello  está a piques de seren adxudicada. A achega provincial repártese entre 154.603,67 euros na anualidade de 2022 e os restantes 252.322,75 euros na de 2023. A pesar de achegar o 100% do importe, non hai mención algunha á Deputación.

O deputado de Cooperación Santos Héctor lamenta un comportamento que só pode cualificarse como “unha absoluta deslealdade institucional” e lamenta, ademais, que o valado fose montado “con nocturnidade e alevosía”. “Está claro que houbo mala fe porque é un cartel encargado e instalado para que o vise a xente da parroquia e do resto do municipio que foi  ao Libramento, dado que está colocado nun lugar protagonista en pleno recinto festivo”.

A base  18ª do Plan Concellos 2022-23 obriga aos concellos beneficiarios a dar a adecuada publicidade ao financiamento por parte da Deputación das actuacións subvencionadas. No punto b) concreta a obriga de “facer constar en todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas ou páxina web, entre outras) o apoio que dá a Deputación. Isto farase mediante a inclusión do seu logotipo nun lugar visible”. Ademais, a base 21, no seu punto primeiro “faculta á Deputación a comprobar “en calquera momento” que se fixo a publicidade da subvención concedida nos termos previstos nas bases e, de non ser así, non procederá ao libramento”.

“Tendo constancia de que se colocou un cartel sen a debida publicidade do financiamento da Deputación é a miña obriga advertirlle para que inicien as medidas necesarias para a subsanación desta omisión da colaboración da Deputación de Pontevedra, de forma que procuren que en todas as accións de comunicación que se realicen se faga constar expresamente a subvención concedida pola Deputación”, apunta a xefa do servizo de Cooperación na carta á alcaldesa.

Santos Héctor lamenta que se produzan este tipo de comportamentos “cunha Administración provincial tan municipalista, aberta e transparente como é esta Deputación, que achega importantísimos recursos a tódolos concellos da provincia, sempre en base a criterios regrados e sen ningún tipo de discrecionalidade política”. A este respecto destacou que Mos ten recibido máis de 11,2 millóns de euros dende 2016 ata a actualidade dos que case 7,5 millóns corresponden ás achegas dos sucesivos Plan Concellos cos que se financiou máis dunha trintena de obras. De feito con cargo á convocatoria bianual 2022-23 están solicitadas, ademais da senda do Foxo Vello en Pereiras, a nova beirarrúa dende o Centro Cultural de Guizán ao Cruce do Moreno (657.456 euros), a mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na estrada Mos-Puxeiros (133.963 euros) e a mellora da seguridade na estrada da Vía (parroquias de Tameiga, Dornelas e Torroso), con outros 354.929 euros.