Sábado, 3 Maio de 2025

Mos sanciona a Urbaser por segunda vez “por infracción moi grave”

O expediente sancionador foi aprobado onte en Pleno por unanimidade dos membros da Corporación Municipal

O Pleno da Corporación Municipal mosense aprobou onte por unanimidade dos seus membros o segundo expediente sancionador a Urbaser “por incumprimento dos pregos das cláusulas administrativas do contrato”, tipificado como infracción moi grave ao incumprir a prestación do servizo non utilizando os medios esixidos e/ou mal estado e conservación dos mesmos.

A sanción municipal a Urbaser por infracción moi grave ascende a un importe de 9.500 euros que, desde o Concello de Mos sinalouse que espera que esta sanción “sirva para reconducir a situación e a empresa continúe, –posto que xa se ten producido un importante cambio a mellor–, a prestar un óptimo servizo”.

O incumprimento de contrato polo que se fixo efectiva esta sanción foi relativo ás frecuencias de limpeza viaria (incluíndo baldeo de beirarrúas etc.), lavado de colectores e recollida de residuos; en especial recollida selectiva de cartón, papel e envases.

Urbaser xa fora obxecto doutro expediente sancionador no pasado Pleno do mes de decembro polo que se lle impuxo unha sanción de carácter grave por importe de 3.500 euros. Entre outras deficiencias no servizo, foran detectados no mes de setembro casos de mestura no mesmo camión dos residuos orgánicos procedentes dos colectores verdes, cos procedentes de colectores de reciclaxe, concretamente dos amarelos, que conteñen plásticos e envases lixeiros.

A postura do Concello é a de esixirlle á empresa “o escrupuloso cumprimento do contrato de recollida e transporte de residuos e a garantía de que non se volvan producir os devanditos incidentes”.