14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos promove a compostaxe cunha nova entrega gratuíta de composteiros á veciñanza

    Mos promove a compostaxe cunha nova entrega gratuíta de composteiros á veciñanza

    Ademais dos tradicionais composteiros exteriores, repartiranse cubos de compostaxe para o interior do domicilio

    Desde a Concellería de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos, que dirixe o edil Leo Costas, informouse onte de que se inicia unha nova campaña municipal de promoción da compostaxe mediante reparto de composteiros de xeito gratuíto entre a veciñanza.

    Ademais dos composteiros clásicos, entregaranse por primeira vez no municipio, cubos de compostaxe para ter dentro das casas.

    As persoas interesadas en facerse cun deles xa poden solicitalo por escrito a través do Rexistro Xeral do Concello ou on line na Sede Electrónica.

    Nos últimos anos lévase experimentado en Mos un verdadeiro ‘boom’ da compostaxe. O concelleiro de Medio Ambiente sostible mosense, Leo Costas, declarou neste sentido sentirse “moi satisfeito do interese, a implicación e a concienciación cidadá neste senso” e salientou que “continuamos coa campaña anual de composteiros para seguir a fomentar entre os habitantes do municipio a compostaxe, unha práctica que comprobamos que xa está moi arraigada entre a veciñanza, como ven a demostrar a gran demanda que se rexistra”.

    Estes composteiros sonlle concedidos ó Concello de Mos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, dependente da Consellería de Medioambiente, de xeito totalmente gratuíto. O Concello entrégallos aos veciños solicitantes a domicilio cun manual de uso e unha explicación técnica para o seu correcto emprego, e fáiselles unha revisión anual do composteiro para garantir o correcto funcionamento do mesmo.

    O reparto dos composteiros faise a domicilio dos beneficiarios, unha vez alí, instalánselles e se lles explica como empregalos correctamente; e entregáselles ademais un manual de uso para consultar posibles dúbidas.

    Esta iniciativa supón un paso máis na optimización da recollida selectiva de residuos no Concello de Mos. É crucial a axeitada xestión dos residuos para un mantemento sostible da localidade mosense. E é que cos composteiros se reutilizan restos de materiais orgánicos de orixe vexetal dando lugar a que a porcentaxe de residuos sometidos a tratamento final sexa menor o que supón unha gran vantanxe ambiental, económica e social. Ademais tamén lles permite ós particulares en posesión dun composteiro eliminar ou, polo menos minimizar, o uso de fertilizantes químicos como abono; e reducir o número de viaxes ós contedores para levar o lixo, posto que case a metade do lixo que se xera nos fogares galegos está formado por materia orgánica.

    Cos composteiros existe a posibilidade de transformar a materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. A compostaxe é unha práctica tradicional en Galicia, consistente na separación dos residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando.

    A compostaxe doméstica é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas. O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante. A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.

    Para obter un bo compost o mellor é utilizar unha grande variedade de materiais, tendo en conta que canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. No composteiro pódense depositar froitas e verduras, cascas de ovo, arroces e pasta cocidos, pan, pousos de café, té e infusións, cinzas e serrín, papel, cartón, xornais, restos de poda e de recolleita da horta, esterco de animais herbívoros, pó e peluxe do aspirador, pelos, teas naturais e plumas.

    Dada a asúa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, o compost actúa en moitos casos como bactericida e funxicida; e é un excelente abono contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.