Sábado, 3 Maio de 2025

Mos presenta en San Rafael o proxecto de humanización interior da urbanización

O equipo de goberno local, entre eles o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil da parrqouia de Pereiras, Leo Costas, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, presentaron xunto co arquitecto municipal autor do proxecto, Manuel Toucedo, o plan de urbanización interior a acometer na Urbanización de San Rafael. A presentación tivo lugar no propio local da Asociación de Veciños de San Rafael en Pereiras.

A actuación que se presentou ten por obxecto obras de reforma de instalacións e urbanización da zona denominada Grupo Residencial de San Rafael, no barrio do Campo de Eiró, na Parroquia de Pereiras.

O alcance das obras que se presentan, quedan circunscritas ao interior, nas vías que irrigan o conxunto residencial. Encádranse dentro do ámbito da iniciativa de vivendas públicas levadas a cabo polo Ministerio de la Vivienda, a finais da década dos anos cincuenta do século pasado. Nos anos noventa, tamén do século pasado, coa transferencia de competencias en materia de vivenda ás comunidades autónomas, dito ámbito pasou a depender do IGVS. As edificacións, dende o inicio, foron mantidas e/ou ampliadas polos veciños propietarios, chegando á actualidade como un conxunto densamente ocupado e de morfoloxías edificatorias diversas.

A superficie de actuación é de aproximadamente 6.085,00 metros cadrados, e procura mellorar a relación e a accesibilidade entre os edificios residenciais e dotacionáis (cultural, escolar, deportivo, lecer e relixioso), así como dos espazos de convivencia que se organizan entorno a eles.

Por outra banda, se pretende actualizar os espazos de circulación viaria e peonil, adaptando os itinerarios á normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras, así como a actualización do mobiliario urbano.

As intervencións concretas a levar a cabo son: soterramento das redes aéreas de distribución de Enerxía Eléctrica, soterramento das redes aéreas de Telefonía, renovación e ampliación da Rede de Alumeado Público, construción dunha rede de recollida de augas pluviais, substitución do actual pavimento asfáltico e redimensionamento das trazas viarias e peonís, construción dunha plataforma compartida única, vehículos e peóns, realizada con dous acabados diferentes coa finalidade de minimizar as interferencias e así reducir os riscos de accidentes; e actuación sobre as especies vexetais existentse con mellora/substitución e ampliación.

O orzamento para este proxecto de humanización interior na Urbanización de San Rafael ascende a 999.030,87 €.