Fai xusto un ano que o Concello de Mos aprobaba o seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp. Precisamente esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, o edil de Urbanismo mosense, Alberto Méndez, e o coordinador do Servizo Municipal de Emerxencias, Rodrigo Iglesias, reuníanse para valorar e facer balance deste Plan que é pioneiro na provincia, sendo actualmente soamente 2 dos 61 concellos pontevedreses, os que dispoñen dun documento marco deste tipo (tan necesario por outra parte).
O pasado mes de xuño empezaron as execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do un Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.
Neste senso, e para tranquilidade dos denunciantes, procédese a limpeza de fincas con expediente sancionador de Medio Ambiente que non foron limpadas polos seus propietarios no prazo establecido. E comunícase, para coñecemento dos propietarios que, ante calquera dúbida, poden chamar por teléfono á concellería de Medio Ambiente (986 09 70 37) para pedir cita e acudir a aclarar as cuestións que se plantexen a este respecto.
Se ben o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, aproveitou hoxe para apelar á calma dos/as veciños/as denunciantes, xa que desde que formalizan a denuncia ata que se executa a limpeza subsidiariamente é precisa a realización dunha serie de trámites administrativos que levan un tempo. Así mesmo informou de que nestes momentos atópase en marcha o procedemento de contratación dunha empresa a maiores que participe na execución subsidiaria destas limpezas, proceso ao que xa se presentaron 2 orzamentos candidatos.
Ademais a rexedora local mosense e o edil de Medio Ambiente quixeron agradecerlle a Rodrigo Iglesias e a todo o seu equipo do Servizo Municipal de Emerxencias todo o traballo realizado tanto na redacción como na posta en marcha do Plan, xa que “sen a súa total colaboración e entrega non tería sido posible o feito de que unha vez máis, neste caso en materia de prevención de incendios forestais, Mos estea á cabeza dos municipios da provincia de Pontevedra”, declararon.
Detalles do Plan
O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Mos ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa.

O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é de elaboración, execución e actualización obrigatoria para os Concellos e se integrará dentro do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) e dos Planes de Distrito; así como no Plan de Emerxencias Municipal, sendo redactado por un titulado universitario forestal.
Este Plan Municipal inclúe aproximadamente 15.000 fincas inventariadas cuxos propietarios deben proceder á súa limpeza.
Deste xeito se debe dar cumprimento por parte dos propietarios e propietarias de todos os predios, montes e soares incluídos no plan de prevención ás obrigas de prevención e defensa contra os incendios forestais, manténdose nas mellores condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e limpeza co fin de previr e evitar o risco de incendios, sendo as distancias de seguridade a respectar de 50 metros dende as edificacións libre de maleza e libre de pino, mimosa, eucalipto, fento, toxo, acacias e resto das especies que regula a normativa e requirindo en caso contrario por parte do Concello o seu cumprimento, podendo contratar no seu caso a xestión co SEAGA (Empresa Publica de Servizos Agrarios Galegos, S.A.) da Xunta de Galicia. En caso de incumprimento se executará de forma subsidiaria con repercusión dos costes ás persoas responsables e coa imposición das sancións correspondentes.
O contido do Plan inclúe a delimitación do ámbito territorial e caracterización do medio físico e biolóxico, descrición e análise dos montes e os paisaxes existentes neste territorio, os seus usos e aproveitamentos actuais, en particular os usos tradicionais, así como as figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias; ademais de aspectos xurídico-administrativos e características socioeconómicas. Tamén zonificación por usos e vocación do territorio, obxectivos, compatibilidades e prioridades; planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos, incorporando as previsións de repoboación, restauración hidrolóxico-forestal, prevención e extinción de incendios, regulación de usos recreativos e ordenación de montes. Así como establecemento do marco no que se poderán subscribir acordos entre a Administración e os propietarios para a xestión dos montes e establecemento das directrices para a súa ordenación e aproveitamento garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e se manteña a capacidade produtiva.
Tal e como explicaron os representantes municipais, Arévalo e Costas, “os obxectivos do Plan Municipal de Prevención de Defensa contra os Incendios Forestais son a descrición da situación actual do Concello (análise de risco, zonas de actuación, prioridades), a catalogación dos medios e recursos de prevención e defensa contra os incendios forestais, o establecemento do procedemento a seguir en caso de emerxencia, a regulación dos usos e o aproveitamento do risco e a programación de traballos preventivos”.