23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos pon en marcha unha baixada de impostos para compensar o catastrazo...

    Mos pon en marcha unha baixada de impostos para compensar o catastrazo anunciado polo Ministerio de Facenda

    Ademais da moratoria do procedemento dun mínimo de 2 anos solicitada a Catastro, o goberno mosense informou hoxe na primeira sesión da Comisión de Seguemento, de diversas medidas para tentar paliar o impacto nos bolsillos dos mosenses

    Esta mañá celebrouse a primeira xuntanza da Comisión de Seguemento do novo Procedemento de Valoración Catastral constituída no pasado Pleno celebrado o 22 de febreiro como parte da moción presentada ‘in voce’ con carácter de urxencia polo goberno local para solicitar a moratoria dun mínimo de 2 anos do proceso e que foi aprobada por unanimidade pola totalidade dos membros da Corporación Municipal.

    A devandita Comisión está integrada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, os voceiros/as dos 4 grupos integrantes da Corporación, o Secretario e Tesoureira municipais.

    Nesta sesión constitutiva a rexedora local mosense deu conta dos avances realizados nos últimos días de traballo conxunto entre a Alcaldía, Secretaría e Tesourería municipais, que mantiveron diversas comunicacións co ORAL e o Catastro a este respecto.

    Desde o Concello, despois de que fose publicada sen previo aviso a revisión catastral con data 18 de febreiro, presentouse a pertinente alegación que aínda non foi respostada pois o prazo de presentación de alegacións remata o vindeiro xoves 4 de marzo. Así mesmo, a maiores da alegación e solicitude de moratoria, o Concello de Mos porá en marcha unha serie de medidas para tentar reducir o impacto deste novo Procedemento de Valoración Catastral nos petos dos mosenses. Medidas das que xa se deu conta na xuntanza desta mañá:

    1. Solicitar ao ORAL a posibilidade de máximo fraccionamento e facilidades de pago para os contribuíntes.
    2. Baixar o tipo impositivo do IBI ao mínimo.
    3. Reducir o imposto de rodaxe (atópase en estudo económico para establecer a rebaixa exacta que implicaría).
    4. Estudar con Catastro a posibilidade de baixar o valor do solo para que o importe a pagar polos particulares sexa menor.

    Así mesmo Arévalo manifestou novamente o seu “disgusto como alcaldesa polo mal comezo de Catastro neste procedemento, coa actitude demostrada co Concello de Mos, no que actuaron sen previo aviso e sen respectar a autonomía municipal, xa que a administración local ten dereito a decidir en que momento se fai unha ponencia de valores deste tipo e, desde logo, este non era o momento en plena crise económica derivada da COVID-19”, declarou a rexedora mosense.

    Ademais insistiu en que “o argumento de que esta revisión entra en vigor pola aprobación do Plan Xeral en 2017 é incerto, xa que as normas urbanísticas do Porriño son de 2014 e Salceda non ten PXOM, e tamén son municipios que se ven afectados por este Procedemento Simplificado de Valoración Catastral”.

    Na reunión celebrada por videoconferencia tamén se deu conta do próximo comezo da chegada de notificacións do Catastro aos fogares mosenses co valor catastral das súas propiedades (non o que van pagar). Nese momento os veciños afectados deberán dirixirse ao Catastro ou ao ORAL para presentar alegacións e/ou solicitar información ao respecto, xa que existe un convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Catastro polo que este delega no ORAL as competencias de atender e explicar á veciñanza contribuínte este tipo de situacións e/ou procecementos e, en xeral, todo asesoramento e atención ao público necesarios no que a recadación de impostos e taxas se refire.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.