Sábado, 3 Maio de 2025

Mos inicia por oitavo ano consecutivo un novo exercicio orzamentario coa conxelación de impostos

O goberno de Mos segue coa a súa política fiscal, iniciada hai oito anos, tendente  a non incrementar a presión fiscal da cidadanía. As cotas que se pagan polos tributos municipais son as mesma dende hai case unha década. Este ano, o goberno tivo moi en conta a situación de crise económica que se está a vivir por mor da Covid-19, e decidiu non modificar os impostos locais  de tal xeito que non se aumentasen ningún dos tributos (IBI, IAE, Imposto de vehículos ou taxa de lixo), a pesar das necesidades que cada ano se ven incrementadas: tales como:  maior gasto social, mais e mellores instalacións deportivas e lúdicas, novas inversións, entre outras.

Ao mesmo tempo cumpre lembrar que ao longo do ano 2020 se tiveron suprimido unha serie de tributos que no ano 2021 non se van recuperar. Nos referimos á taxa de terrazas, quioscos, venda ambulante, publicidade, ocupación de voo en vías públicas, etc. Isto vai reverter especialmente, nos autónomos e pequenas empresas, sobre todo na hostalería, que teñen unha menor carga fiscal para poder continuar coa súa actividade económica.

De igual xeito o Concello de Mos ven de aprobar en Pleno importantes cambios para ofrecerlle á veciñanza facilidades de pago nos tributos que xestiona directamente.

O obxectivo é dar continuidade ás datas de cobro que se veñen empregando nos derradeiros anos para garantir que o cidadán coñece as mesmas e facilitar o pago destes conceptos. Agora ben, ao mesmo tempo quere ampliarse o prazo en cada tributo local que cobramos directamente de xeito periódico, de tal forma que se dean maiores opcións de pagamento segundo as necesidades e interese de cada contribuínte.

Así amplíase un mes o prazo para o pago nos tres tributos periódicos que se cobran polo Concello e que son a taxa por recollida de lixo, taxa de vaos e imposto de vehículos de tracción mecánica.

O Concello tamén vai por en marcha unha campaña de domiciliación, ofrecendo á veciñanza a posibilidade de poder fraccionar o pago en 2 prazos co Plan Especial de Pagos (PEP) que actualmente posúe a administración local mosense. Isto é completamente gratuíto e non xerará ningún tipo de recargo ou interese para o administrados.