A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Recollida de Residuos, Gonzalo Alonso, fixeron onte balance das porcentaxes de reciclaxe da veciñanza mosense no último ano, aportando datos que sitúan ao municipio con preto do 18 % de incremento con respecto ao ano anterior
Arévalo e Alonso sinalaron que, tras facer cálculos de reciclaxe por habitante durante o ano 2019 e en comparativa co ano anterior, “nas estatísticas apréciase un incremento de reciclado por habitante de ata os 36,19 quilos por habitante e ano, o que representa un incremento do 17,37% no volume de reciclaxe con respecto ao ano 2018 (30,83 quilos por habitante e ano)”.
Destaca así mesmo o importante incremento no reciclado en todas as partidas: un 16,23 % en envases lixeiros, un 20,68 % en papel e cartón; e un 15,29 % en vidro. Polo que Arévalo e Alonso agradécenlle á cidadanía “o seu esforzo para acadar tan bos e esperanzadores datos”.
Aínda que queda moito camiño por andar e siguen existindo verquidos incontrolados no municipio, o certo é que as cifras de reciclaxe suben en todos os seus parámetros. Tamén melloraron os datos de 2019 respecto de 2018 en orgánica, voluminosos e outros; e vexetais-podas. En orgánica o incremento foi do 2,18%, en voluminosos do 34,35% e en podas do 189%.
“Cada vez estase reciclando máis en Mos e esa é unha moi boa nova para este municipio que ademais está adherido ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía e moi sensibilizado coas políticas medioambientais” declararon os representantes municipais. O concelleiro Gonzalo Táboas informou ademais de que actualmente desde o seu departamento estanse a revisar todas as parroquias para reforzar os puntos de recollida de residuos para repoñer e aumentar o número de colectores e incluso crear novos emprazamentos de ser necesario.
Táboas aproveitou ademais para lembrar o servizo de Punto Limpo no Polígono da Veigadaña, aberto ao público de luns a venres de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20.30 horas e os sábados en horario matinal de 10 a 14 horas. E recordou tamén que a empresa concesionaria do servizo municipal de recollida de lixo conta cun teléfono para solicitar a recollida a domicilio de enseres voluminosos e restos de poda, o 900 720 190, operativo de luns a venres de 9 a 13 horas.
Para continuar nesta liña ascendente as concellerías de Recollida de Residuos e Medio Ambiente Sostible que dirixen Gonzalo Táboas e Leo Costas, respectivamente, iniciarán conxuntamente coa empresa de recollida de lixo, Urbaser, unha campaña de sensibilización que comezará entre finais de abril e principios de maio. Constará de charlas didácticas sobre reciclaxe que serán impartidas nas asociacións das 10 parroquias do Concello de Mos.