Venres, 2 Maio de 2025

Mos felicita ao seu veciño centenario da parroquia de Tameiga

Eladio Troncoso Rodríguez cumpre 100 anos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira da parroquia de Tameiga, Feli Rodríguez, achegáronse onte a felicitar polo seu aniversario ao veciño centenario Eladio Troncoso Rodríguez. Fixérono no seu domicilio en Tameiga, súa parroquia natal e onde leva vivindo os seus 100 anos de vida, e recibiunas acompañado dos seus fillos, Mara e Eladio, e o seu xenro, Suso.

Eladio naceu un 30 de novembro de hai xa un século, e conta que a súa foi unha infancia complicada, pois corrían tempos difíciles, de posguerra.

Dous dos seus irmáns emigraron a Arxentina pero el quedou en Tameiga, onde casou con Lola, tamén veciña da parroquia, coa que conviviu durante 70 anos. Lola faleceu hai 4 anos, coa idade de 90, e a súa perda é algo moi duro para Eladio, que non logra superar; pola inmensa ausencia que deixa a que foi a súa gran compañeira de vida.

Lola foi de profesión mestra e xubilouse da súa carreira como docente no colexio mosense CEIP Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda. Pola súa banda Eladio exerceu de camioneiro durante toda a súa vida laboral.

Ademais dos seus dous fillos Mara e Eladio, Eladio ten 3 netos e 3 bisnetos. E segundo comenta a súa filla Mara os máis cativos, os seus bisnetos, son os que máis ledicias lle dan a Eladio. “O que máis alegría lle aporta é ver chegar aos bisnetos”, di Mara Troncoso.

Eladio é un dos 5 veciños centenarios cos que conta Mos nestes momentos. Dos 5, 3 deles teñen 100 anos, e os outros 2 teñen 102. Os centenarios de Mos son residentes nas parroquias de Tameiga, Pereiras, Mos e Dornelas.