Sábado, 3 Maio de 2025

Mos dá un paso máis no seu camiño cara a transformación fomentando o comercio local

O evento ‘Queda en Mos’ dará un impulso ao comercio abrindo unha nova etapa para a economía local. O Concello de Mos dinamiza este encontro multisectorial entre os comerciantes e profesionais locais para estimular o asociacionismo e a visibilización.

A pasada semana, no Multiusos das Pozas, tivo lugar a presentación do novo proxecto ‘Queda en Mos’. No evento, reuníronse os responsables da iniciativa, que ten como obxectivo dinamizar accións beneficiosas para promover e impulsar o comercio local, a hostalaría e o turismo mosenses.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada pola concelleira de Emprego e Participación cidadá, Julia Loureiro, presentaron as primeiras accións do proxecto ‘Queda en Mos’ como o punto de partida das accións que se desenvolverán.

Na presentación, revelaron nunha proxección de vídeo a nova identidade corporativa que simboliza ao sector e anunciaron a celebración dun evento expositivo dos comerciantes que estará aberto a todo o público.

Os comerciantes aportaron a este acto de presentación unha cesta con agasallos que se sorteará para todo o público no día do evento.

Segundo Arévalo, a identidade corporativa representa ás dez parroquias mosenses unidas polo comercio. Destacou o apoio do Concello aos comerciantes coa organización da I edición do evento ‘Queda en Mos’ que terá lugar no Multiusos das Pozas o domingo 17, a partir das 10:00h ata as 21:00h; e no que xa confirmaron a súa presenza más dunha vintena de negocios locais.

Os empresarios participantes proceden de todas as parroquias de Mos e a exposición conta tamén con emprendedores, algún deles destacando pola seu enfoque innovador a nivel local e outros a nivel internacional.

Sinalaron que os comerciantes recibirán ao público mosense e visitantes para que poidan coñecer os negocios locais, os seus produtos e servizos. Haberá un ambiente similar ao dun centro comercial aberto con hostalaría, actividades infantís e espazo para demostracións dos comerciantes.

A concelleira confirmou a participación artistas emerxentes e destacou a actuación musical da asociación das folclóricas ‘Lagharteiras’ de Mos que participaron no himno do Centenario do Real Club Celta con C.Tangana. O grupo de pandereteiras actuarán ás 12:30h e asegura ambiente de lecer, entretemento e diversión para adultos e público infantil.

A alcaldesa concluíu o acto de presentación cun chamamento ao emprendemento, á unión comercial e á óptima utilización dos recursos dispoñibles, como os programas de apoio das institucións ás iniciativas comerciais e o contexto do proxecto promotor ‘Queda en Mos’.