O Concello de Mos ven de recibir o material para proceder á renovación dos elementos de xogo en catro parques infantís municipais. Así o informaron hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Parques e Xardíns e Servizos para a mellora do entorno rural e urbano, Baldomero Lorenzo.
Unha vez recepcionados os novos elementos próximamente procederase á súa instalación. Os parques infantís municipais que se beneficiarán desta mellora son o da parroquia de Torroso xunto á sede de Asodifisi, o de Arrufana na parroquia de Louredo, o das Lagoas en Guizán e o da Porteliña en Petelos.
No parque da Porteliña instalaranse 4 novos elementos, dous dos cales serán balancíns; nas Lagoas instalaranse 3 novos elementos, dous balancíns e un novo peche; en Arrufana un novo tobogán e un novo peche e no que se atopa xunto a Asodifisi instalaranse 3 novos elementos entre os que se atopa un columpio e un balancín. En total 12 novos elementos.
O orzamento total para a renovación de elementos ascende a 19.202,46 euros. E a adquisición dos novos elementos de xogo que substituirán aos antigos realizouse con cargo a Liña 1-Investimentos de axudas do Plan Concellos.
Esta renovación forma parte dun Plan Municipal de Mellora de Parques Infantís do Concello e Áreas de Lecer da localidade mosense que comezou a realizarse o pasado verán. Entre as devanditas melloras incluíronse traballos de renovación do céspede artificial do Parque da Pesqueira en Mos, xunto con outros labores de mellora que incluíron tamén tarefas de mantemento dos elementos de xogo.
Ademais desde o Concello promoveuse un novo parque infantil situado na contorna do Abrente, co que se dá servizo ás familias de Peinador que demandaban este espazo de lecer infantil ao aire libre desde fai anos.
Para a acometida desta nova infraestrutura e espazo de lecer, ao Concello de Mos foille concedida unha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2020.
O proxecto municipal denominado “Parque infantil e biosaludables na contorna do Centro Cultural Abrente. Parroquia de Torroso”, ten un orzamento total de 48.400 euros (IVE incluído).