Sábado, 3 Maio de 2025

Mos conmemora o Día da Educación Ambiental rehabilitando fontes e lavadoiros

No día Mundial da Educación Ambiental a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible mosense, Leo Costas, visitaron o Lavadoiro do Martingueiro en Sanguiñeda para informar de que a administración local mosense vén de investir 27.000 euros na reparación dunha fonte e 2 lavadoiros.

Mos é un municipio rico en patrimonio medioambiental, é terra de auga e como tal conta cun amplísimo inventario de bens relacionados co líquido elemento: muíños, fontes e lavadoiros.

A recuperación destes recursos patrimoniais municipais é moi demandada pola veciñanza, por iso o Concello de Mos conta cun plan integral de posta en valor de fontes e lavadoiros, dentro do que acomete anualmente a recuperación e mellora de varios destes elementos.

Os tres elementos recentemente rehabilitados pola concellería de Medio Ambiente Sostible son a Fonte do cocho en Casalmorto, parroquia de Pereiras, o Lavadoiro do Martingueiro no Barrio do Monte en Sanguiñeda, e o Lavadoiro da Portela na parroquia de Louredo.

Os traballos realizados inclúen obras de reparación e labores de limpeza destes elementos patrimoniais tan abundantes e prezados pola veciñanza mosense. 

‘Mos espazo de auga… espazo de vida’

Todo este legado patrimonial aparece recollido no libro titulado ‘Mos espazo de augua… espazo de vida’. Publicación do ano 2017. No libro recóllense fotografías, rutas de acceso e coordenadas xeográficas dos recursos naturais hídricos mosenses e das construcións que ao redor deles se forman.

Grazas a esta publicación fíxose tamén un repaso do inventario patrimonial do Concello de Mos e realizáronse novos descubrimentos e inclusións neste, que ascenderon a 41 elementos inventariados a maiores. Ata o de agora constaban no inventario 103 elementos.