9.7 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos celebra a XXIII Festa do Codillo esta fin de semana

    Mos celebra a XXIII Festa do Codillo esta fin de semana

    Esta fin de semana pasada celebrouse a presentación da XXIII Festa do Codillo, que tivo lugar no Pazo de Mos. Estiveron presentes na mesma membros da directiva da asociación organizadora do evento gastronómico, o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, entre eles o seu presidente, Ramón Alfaro; así coma os representantes municipais Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos, Camilo Camilo Grandal e Leo Costas, tenentes de alcaldesa, e Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo mosense. Tamén asistiu a Vicepresidenta Primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e a directiva da Fundación Pazo de Mos, e membros da Comunidade de Montes en Man Común de Mos e da Asociación de Veciños Santa Baia.

    O evento gastronómico conta con apoio da Deputación e da Xunta de Galicia.

    ‘O Codillo Vai de Magosto’

    Dende o ano 2018, no que se celebrou a 21 edición, a Festa do Codillo inclúe unha interesante festa durante programación da víspera do evento gastronómico propiamente dito. Trátase nesta ocasión de ‘O Codillo Vai de Magosto’ que se desenvolverá durante o sábado 28 de outubro e contará a partires das 20:00h. coa CHARANGA SACACORCHOS dende a parroquia de Torroso, co XVIII-CONCURSO SERRA DE TRONCOS con tronzador de man e premios para os gañadores, MAGOSTO POPULAR con castañas, chouripáns e viño e SORTEO DUN XAMÓN.

    Degustación do codillo

    O domingo 29 de outubro celebrarase na parroquia de Mos a consolidada Festa do Codillo, que este ano chega a súa 23ª edición e contará cos King Kids como pregoeiros convidados.

    Na Festa do Codillo de Mos poderase saborear, unha receita de codillo de porco ó forno, elaborada por Catering Arelas e composta por dúas partes de codillo con arroz branco e chícharos, acompañado dunha salsa cun toque picante e servido todo nun prato de porcelana con garfo e coitelo metálicos, pano de mesa, pan e vaso de viño ou botellín de auga.

    A degustación do Codillo será dende ás 11:00 horas ata fin de existencias o domingo 29 de outubro. Ás 12:00 horas chegará o Pregón a cargo da banda xuvenil mosense King Kids. Ás 12:30 horas haberá actuacións musicais dos pregoeiros KING KIDS, AIRIÑOS DO CASTELO, a Banda de gaitas do C.C.D Sta. Eulalia de Mos. E durante todo o día os máis cativos contarán con xogos hinchables.

    O evento gastronómico estará dotado dunha gran carpa.

    Historia da festa

    A Festa do Codillo xurdiu grazas ó afán da primeira xunta directiva do Círculo Cultural e Deportivo Sta. Eulalia, por buscar novas ideas para ilusionar a tódolos veciños e ós socios en particular. Queríase facer un evento no que Mos se convertese nun referente. Pensouse en facer unha festa gastronómica, posto que no Concello de Mos non había ningunha festa importante desas características.

    E así, despois de barallar varias opcións, propúxose o codillo, unha parte do porco que ata ese momento non se enxalzaba en ningunha festa gastronómica de Galicia.

    Este evento chegou o 8 de novembro de 1998 baixo a denominación de “1ª Festa do Codillo”, facéndose realidade unha das ideas máis orixinais e importantes que desenvolvería o Círculo. Actualmente é unha festa consolidada que atrae cada ano a milleiros de persoas, converténdose na máis importante destas características do Concello de Mos e unha das máis destacadas da nosa comarca.

    Dende o ano 2009 estableceuse como data fixa para a súa celebración o terceiro domingo de outubro. O seu emprazamento dende o ano 2012 é o Contorno peonil do Pazo de Mos, preto do cruce da N.550 (O Porriño – Redondela) coa PO.2601 (a Torroso, Puxeiros) detrás da igrexa parroquial de Sta. Eulalia de Mos. Este emprazamento é o berce do Concello de Mos e o único xérmolo de casco histórico municipal, de onde a mediados do século XVI ergueron a súa vivenda, sete casas máis para o seu servizo e a igrexa parroquial, os primeiros señores de Mos, que co tempo alcanzarían os máis altos recoñecementos nobiliarios, converténdose en Marqueses de Mos con grandeza de España. As vicisitudes da historia quixeron tamén que o Pazo fose testemuña directa da ira das tropas francesas durante a Guerra da Independencia, sendo queimado no ano 1809 converténdose nun edificio en ruínas. Despois de pasar por varias mans o Pazo do Marqueses de Mos, acabou sendo donado ós veciños da Parroquia de Mos, que foron quen de poñerse de acordo para a súa reconstrución conseguindo os medios materiais e económicos suficientes para poder convertelo na grande casa social e cultural de todos eles.

    Neste contorno histórico, no que se desenvolve a Festa do Codillo, e moitas máis iniciativas, atopamos tamén o que foi a Casa do Concello de Mos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.