Sábado, 3 Maio de 2025

Mos abre mañá un servizo ao cidadán de axuda para a tramitación de solicitudes de subvención para o aluguer

Atenderase á veciñanza interesada nas dependencias da Axencia de Colocación de Mos onde se ofrecerá asesoramento para tramitar as axudas ao alugamento de vivendas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021

Desde o venres 16 e ata o xoves 29 de abril, técnicos municipais de Mos estarán a disposición dos veciños e veciñas interesados en solicitar estas axudas de aluguer; será na Axencia de Colocación (antigo CDL) na estrada de Puxeiros a Peinador, en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Para asistir deberán pedir cita previamente chamando ao teléfono 986 487 786.

Axudas

  1. Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.
  2. Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas MENORES DE 35 ANOS con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

Requisitos

  • Ter contrato de alugamento no momento de presentar a solicitude, tanto na liña A como na liña B.
  • Optar por unha das dúas liñas de axudas.
  • No caso de que seleccione as dúas liñas no formulario de solicitude, a axuda tramitarase pola liña A.
  • No caso de que non se seleccione ningunha liña, o grupo de idade na liña a ou non se indique o importe da renda de alugueiro a solicitude non será admitida a trámite.
  • Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas, téndose por inadmitidas todas as demais.
  • No caso de contratos de alugamento asinados por máis dunha persoa da unidade de convivencia, só se poderá conceder unha única axuda polo dito contrato.

Outros requisitos

  •  A vivenda ten que constituír a residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria, o que se acreditará cun xustificante de empadroamento conxunto, no que consten, na data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato.
  •  A persoa solicitante e as demais persoas integrantes da unidade de convivencia deben estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.