Domingo, 4 Maio de 2025

Medio Ambiente adxudica as obras de mellora da contorna da Igrexa de Torroso en Mos

O obxectivo desta actuación, cun período de execución de nove meses, é reforzar a accesibilidade e a funcionalidade de 2.750 m2 deste ámbito da parroquia de San Mamede

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un importe de 315.000 euros as obras de mellora da contorna da igrexa de Torroso, no municipio de Mos, cun período de execución previsto de nove meses.

A finalidade desta actuación, que se executa ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello, é mellorar a funcionalidade e accesibilidade deste ámbito de 2.750 m2 da parroquia de San Mamede. Os traballos comprenden a substitución do pavimento asfáltico por un pétreo, máis acorde coa contorna, que implicará a dotación de novas ou renovación de instalacións, e a reordenación do conxunto dos espazos adxacentes da igrexa; así como unha intervención na estrada Puxeiros-Mos.

Deste xeito, realizaranse traballos de pavimentación de enlousado, definirase un muro de contención e substituirase o pavimento de pedra na entrada principal do templo. Tamén se prevén a mellora da drenaxe, a instalación de alumeado público, a retirada de liñas aéreas existentes, a execución do axardinamento e a ampliación da masa arbórea do Campo da Festa.

A execución desta obra cumpre con obxectivos do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais na execución de diferentes intervencións e proxectos, co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo.