Sábado, 3 Maio de 2025

Éxito do Club de Natación de Mos no Campionato Galego Absoluto

Onte pola tarde celebrouse no Pavillón Óscar Pereiro a recepción ás nadadoras infantís do Club Natación Mos e ao seu adestrador, Alberto Pereira “Xouba”, polos resultados obtidos a fin de semana do 25, 26 e 27 de novembro no campionato galego.

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, José Areal, e demais membros da Corporación Municipal felicitáronas polo gran papel no Campionato Galego Absoluto celebrado en Lugo. Onde a pesares de ser nadadoras de categoría infantil, as representantes do Club Natación Mos estiveron entre as mellores.

Desde a directiva do clube destacan “o gran papel de Carolina Pereiro coa medalla de prata nos 200 Braza e o 5° posto nos 100 Braza e a Eva Martínez 5ª nos 50 Espalda. Sendo nadadoras que pese á súa curta idade están a despuntar entre as mellores especialistas de Galicia”. Ademais quixeron salientar “o incrible labor do adestrador, Alberto ‘Xouba’, sen o cal estes resultados non terían sido posibles”.

Antía, Noa, Carolina e Eva son as 4 nadadoras integrantes do equipo Infantil do Club Natación Mos. As 4 fixeron un incrible esforzo e foron unhas grandísimas representantes mosenses no Campionato Galego. “Estas rapazas chegarán moi lonxe”, auguraron Arévalo e Areal, rexedora local e edil de Deportes.