Hoxe ás 08.00 horas da mañá entraban pola porta do Pavillón Óscar Pereiro os primeiros usuarios da Piscina Municipal de Mos desde que o pasado mes de marzo cesara a súa actividade por mor da crise sanitaria da COVID-19.
Tratouse de 4 nadadores/as que acudiron ás instalacións deportivas mosenses a realizar a primeira sesión de nado libre tras o inicio da pandemia. Con todas as medidas e protocolos de seguridade e prevención en marcha, puideron gozar de 1 hora de práctica do seu deporte favorito.

O novo protocolo de nado libre na Piscina Municipal de Mos establece unha persoa por rúa (ata un máximo de 6 persoas ao contar o vaso cun total de 6 rúas) que debe ter reservado o mesmo horario para todo o mes. Os horarios distribúense ao longo do día en sesións de unha hora repartidas entre as 08.00 horas da mañá e as 22.00 horas os luns, mércores e venres; e entre as 08.00 horas da mañá e as 20.45 horas da tarde os martes e xoves. Os luns, mércores e venres hai polo tanto 9 sesións de unha hora dispoñibles para os nadadores e nadadoras que van por libre; e os martes e xoves 7 sesións dunha hora.
Por outra banda, tamén comezan as clases de aquagym tanto para o público xeral como para os/as usuarios/as do programa municipal ‘Exercítate’ para maiores (no caso do ‘Exercítate’ iniciaranse o 1 de outubro). Estas clases impártense con aforo limitado e utilizando a piscina completa para realizalas. Tamén contan con horarios de mañá e de tarde e requiren de reserva previa. Os luns só se imparte unha sesión de tarde, mentres que os martes, mércores e xoves hai dúas sesións de mañá (unha delas do ‘Exercítate’) e unha de tarde; e os venres dúas sesións de mañá, unha das cales dentro do programa ‘Exercítate’.
No caso do ximnasio do Pavillón Óscar Pereiro, este abrirá as súas portas e reanudará a súa actividade de cara ao vindeiro 15 de outubro, tamén en turnos de unha hora, previa reserva no mesmo horario para todo o mes por parte dos/as usuarios/as. Os luns, mércores e venres habilitaranse 9 turnos de uso entre as 08.00 horas da mañá e as 22.30 horas da noite; e os martes e xoves 6 turnos dunha hora entre as 08.00 horas da mañá e as 21.00 horas.

Todas as reservas para os servizos dispoñibles no Pavillón Óscar Pereiro deberán facerse por teléfono no 986 33 40 70 e pódese chamar para reservar tanto de mañá de 09.00 a 14.00 horas como de tarde de 16.00 a 22.00 horas.
Ademais, entre os diversos protocolos activados nas instalacións deportivas municipais, o mes pasado os monitores deportivos municipais do Pavillón Óscar Pereiro e Piscina Municipal recibiron unha formación específica en prevención da COVID-19.
Durante o curso, impartido pola empresa de prevención Cualtis e coordinado polo departamento municipal de Persoal, Recursos Humanos e Pevención de Riscos Laborais, os monitores deportivos do Concello de Mos foron instruídos sobre o protocolo de seguridade e sanitario de prevención da COVID-19 a seguir por eles mesmos e o deseñado para os/as usuarios/as das instalacións deportivas do Pavillón Óscar Pereiro, que os monitores deben garantir que sexa cumprido por parte da cidadanía e dar as indicacións oportunas para que se faga correctamente.
As directrices preventivas a seguir estarán sempre baseadas no rigoroso cumprimento dos protocolos de seguridade sanitarios e no asesoramento técnico especializado para poder adaptarse correctamente ás circunstancias da nova realidade derivada da COVID-19.
Neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, insisten en que, “desde o Concello primamos a seguridade e a saúde da cidadanía, cumprindo escrupulosamente os protocolos sanitarios, e as medidas, recomendacións e normas establecidas neste senso; e priorízanse a prudencia e a cautela por riba de todo”.