19.1 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeLouriñaMosConcello e AEMOS formalizan a concesión demanial do viveiro de empresas da...

    Concello e AEMOS formalizan a concesión demanial do viveiro de empresas da Veigadaña

    A alcaldesa en funcións de Mos, Nidia Arévalo; a Secretaria Municipal e o presidente da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), Manuel Castro, asinaron na mañá de hoxe no salón de sesións do Concello o documento de formalización de concesión demanial do edificio municipal para viveiro de empresas construído no Polígono Industrial da Veigadaña.

    Con este acto de sinatura formalízase o convenio de colaboración polo que o Concello de Mos aproba a concesión demanial directa a favor da Asociación de Empresarios de Mos do uso privativo do edificio dos viveiros industriais sito no polígono de Veigadaña, inmoble do que o Concello é titular. O inmoble debe dar cumprimento á función de servizo público con fin de interese xeral relativa á implantación de viveiros industriais para o establecemento de emprendedores do municipio de Mos.

    Unha vez formalizada a concesión demanial, iniciarase agora de xeito inmimente, por parte de AEMOS, o concurso para os aspirantes a ocupar o viveiro e así que a infraestrutura poida comezar a funcionar canto antes de man dos empresarios mosenses. O viveiro será xestionado directamente pola Asociación de Empresarios.

    AEMOS convocará polo tanto próximamente o concurso público ao que optarán os ‘viveiristas’ que queiran ocupar un espazo no viveiro de empresas da Veigadaña. En total ofertaranse 4 talleres ou viveiros de carácter industrial 4.0. Dende AEMOS informan de que o procedemento de selección para a adxudicación destes catro viveiros abrirase de xeito inmimente. Os primeiros ‘viveiristas’ terán que estar asentados nas instalacións da Veigadaña antes de outubro deste ano.

    Dende a Asociación de Empresarios mosense sinalouse que os criterios de valoración para a selección dos/as candidatos serán obxectivos, “primando na puntuación parámetros como a viabilidade do proxecto, a fórmula xurídica (por exemplo cando se trate dunha empresa de economía social), que se trate de promotores demandantes de emprego (emprendedores), de colectivos de difícil inserción, menores de 35 anos, mulleres, etc.”.

    A obra de construción do edificio que albergará o viveiro de empresas e servizos de apoio no polígono PEMOS-Veigadaña quedou finalizada en novembro de 2018.

    O viveiro conta con 4 talleres para albergar empresas de actividades vinculadas coa industria 4.0, (desde robótica, impresión 3D, procesos, investigación… etc.) zona de oficinas para atención ao emprendedor, e espazo para empresas emprendedoras en condicións ventaxosas durante un ano prorrogable a outro ano máis, con técnicos que as asisten e asesoran, orientan e axudan, acompañándoas neses dous primeiros anos de actividade empresarial. Na segunda pranta estará a zona de servizos comúns e coworking, con despachos e zonas de recepción, administración, reunión e atención; onde poder organizar desde reunións comerciais ata eventos máis ambiciosos.

    En abril de 2018 Concello e AEMOS asinaron o convenio para a creación do viveiro de empresas que está ubicado no polígono da Veigadaña e que subvencionou a consellería de Economía, Emprego e Industria con 240.000 euros.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.