Sábado, 3 Maio de 2025

Cantigas tradicionais en Mos polo Día das Letras Galegas

O grupo Pelepau, xunto coa Banda de Música Xuvenil de Torroso, presentarán o vindeiro
mércores 17 de maio un repertorio cos grandes hits da música popular galega, orquestadas polo recoñecido compositor Andrés Álvarez, nun concerto onde non faltarán sorpresas.

Nesta ocasión estarán acompañados por 3 cantareiras e a parella de baile Fios de Liño, gañadora do concurso de danza galega «Vai de baile» do programa Luar da Crtvg.

A Banda de Música Xuvenil de Torroso conta con máis de 50 compoñentes con idades comprendidas entre os dez e os trinta e cinco anos e leva a cultura e tradición galegas non só por toda a xeografía galega, senón por toda a Península Ibérica realizando concertos e incorporando novas propostas interpretativas mesturando a música de autor con danza, voz e elementos do noso folclore galego.

Baixo a dirección ao cargo da batuta de Ángeles Lorenzo Estévez, o público asistente poderá disfrutar dunha velada na que as letras galegas terán o protagonismo absoluto, mostrando neste espectáculo conxunto das dúas formacións o valor do patrimonio inmaterial galego.

A cita será este mércores día 17 de maio ás 20:00 horas na parroquia de Torroso – Mos.