Sábado, 3 Maio de 2025

Biblioteca inclusiva en Mos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Política Social, Sara Cebreiro, conmemoraron, con usuarias do centro EVD Galicia sito na parroquia mosense de Petelos, o Día Internacional das Bibliotecas. Fixérono na Biblioteca Municipal de Mos, provisionalmente ubicada nas instalacións da Axencia de Colocación mentres non abra as súas portas a remozada Biblioteca María Magdalena, o que está previsto de cara ao vindeiro mes de decembro.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, xunto coa bibliotecaria mosense, Diana Lago, explicáronlles ás 20 participantes na iniciativa o funcionamento da Biblioteca, a distribución e inventario de libros da mesma, servizos que se prestan, etc. Pola súa banda as usuarias de EVD amosáronse moi interesadas na mecánica e contido da Biblioteca Municipal e solicitaron colaborar voluntariamente nos labores de recolocación dos volumes nas novas instalacións da Biblioteca María Magdalena na Porteliña, que se atopa situada xunto ao centro mosense das EVD. Deste xeito poténciase a interacción dos diferentes colectivos sociais mosenses, a inclusión das persoas con diferentes capacidades no día a día municipal e nas diferentes profesións que se desenvolven na localidade; e foméntase o coñecemento e o uso dun importante recurso cultural do Concello de Mos como é a Biblioteca Municipal.

A visita á Biblioteca complementouse cun obradoiro creativo sobre reciclaxe desenvolvido pola compañía MOC MOC FANNY MEDIOAMBIENTE e titulado “Xogando a reciclar”. O taller profundizou en diferentes aspectos da reciclaxe, a igualdade, e a inclusión; todo elo en clave de humor e a través dun espectáculo divertido e participativo para o público, que perseguía tamén o obxectivo de fomentar o coidado do medio ambiente a través da reducción e/ou reutilización de residuos.

Tratouse dun obradoiro teatralizado, en chave de clown, organizado como unha forma diferente de aprender a importancia da reciclaxe.