O Pazo de Mos acolleu un novo acto de presentación incluído no ciclo ‘Mos coa lectura’ organizado polo Concello de Mos. A autora protagonista foi Beatriz Cabaleiro, que presentou a súa ópera prima literiaria: ‘Clover, unha porquiña diferente’, que conta con ilustracións de Blanca Millán.
Beatriz Cabaleiro estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Participación Cidadá e Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, demais membros do equipo de goberno local e da Corporación Municipal; e o director da Editorial Aira, César Lorenzo, que edita a obra de Beatriz.

Beatriz Cabaleiro naceu en 1992, pertence a unha coñecida familia da parroquia de Sanguiñeda e compaxina a docencia coa escritura. Tamén é membro do departamento de comunicación do Marisquiño. Colabora con concellos e centros educativos na organización de actos cos máis novos. Redacta contidos relacionados coa cultura e a diversidade en diarios dixitais e exerce como profesora. É Graduada en Xornalismo pola USC (2015) e na English Studies College of Marin (2017).
O debú literario de Cabaleiro é unha obra de literatura infantil que versa sobre Clover, unha porquiña norirlandesa que acaba de chegar ao equipo de baloncesto de Vila Liberdade.
As súas manchiñas, coa curiosa forma do trevo, van chamar a atención das súas compañeiras e espertar as súas suspicacias.
Trátase dun álbum bilingüe galego-inglés pensado para lectores de Primaria.